O confinamento humano favorece a repunta da píllara, en perigo de extinción

O noso resgardo traerá efectos "moi positivos" para a biodiversidade galega, un "respiro" que ADEGA cualifica de necesario, malia que sexa temporal.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2020 | Actualizada ás 19:50

Comparte esta noticia

O noso confinamento supón a súa liberdade. O movemento de persoas, sumado ao de vehículos a motor, e tamén a creación de infraestruturas, a agroindustria, o tráfico de mercadorías, a contaminación industrial ou as especies invasoras, constitúe un "importante impacto para a biodiversidade", indican dende ADEGA. E por iso mesmo, neste período de confinamento, será "cualitativamente menor". 

Pitiño de Píllara das dunas
Pitiño de Píllara das dunas | Fonte: Axena

Ademais, este resgardo humano cadra precisamente no tempo da primavera, época de cría de moitas especies da nosa fauna e de paso migratorio das aves que voan cara ás súas zonas reprodutoras. "Certamente, a nosa limitación de movementos está a supoñer un alivio para as especies e hábitats que nos rodean: menos tráfico, menos ruído, menos excursionistas, menos mascotas polas praias, menos cazadores, e menos actividades de deporte activo ou como as andainas, os trails ou ultratrails que nestes primeiros días da primavera sacarían das súas casas a milleiros de persoas", relata a asociación ecoloxista.

OS EFECTOS DO CONFINAMENTO SOBRE A BIODIVERSIDADE

ADEGA comeza a súa listaxe de efectos positivos falando da diminución dos atropelos. Ao circular menos vehículos polas estradas, existe menos probabilidade de colisión e de atropelos de mamíferos, aves ou anfibios. "Nestas datas, e sobre todo en noites de choiva, moitos anfibios (sapos, píntegas...) desprázanse cara aos seus lugares de cría, e adoitan morrer atropelados. Outro tanto se pode dicir de aves e mamíferos", lembra a asociación.

Segundo efecto: a diminución do ruído. Un beneficio derivado da diminución do uso masivo do automóbil é o aumento da calidade de vida da fauna e da nosa propia pola diminución do ruído. Moitas persoas nestes días son máis plenamente conscientes da presenza e do canto dos paxaros.

Terceiro: a nosa ausencia tamén permite a mellor preservación dos niños. A diminución de labores forestais e de rozas no monte ou en espazos de recreo evita a destrución de moitos niños que están nas toxeiras, silveiras...

Imos polo cuarto: menor estrés pola caza. Ao non estar plenamente permitida a caza, a fauna cinexética está a sufrir menor presión e, por tanto, menor estrés. As especies non cazables tamén notarán a ausencia da presenza dos cazadores no monte, sen as molestias que as batidas supoñen para moitas desas especies na súa época de reprodución.

Quinto: mellora das poboacións de peixes fluviais. Outro tanto indica Adega sobre a pesca, xa que esta veda obrigada suporá un respiro para a fauna piscícola e un menor impacto para os espazos naturais nos que se desenvolve.

Aí vai o sexto: preservación da flora costeira ameazada. A ausencia de milleiros de persoas (bañistas, camiñantes, etc…) durante a Semana Santa e as fins de semana de abril e maio nos areais galegos, de seguro que contribúe á conservación da flora e dos hábitats especialmente ameazados nos ecosistemas dunares pola presenza humana ou dos animais de compañía.

E o último: "Galicia, un refuxio de camiño ao Norte". Ao cadrar o confinamento humano en pleno paso migratorio de aves acuáticas cara ao Norte, de camiño ás súas zonas de cría, poderán recalar nas costas galegas para repoñer forzas da súa longa viaxe sen que sexan molestadas por persoas e cans que utilizan estas zonas como lugares de ocio ou lecer.

O CASO DA PÍLLARA

Unha das especies de aves máis ameazadas de Galicia é a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), que está en perigo de extinción. A época de reprodución desta ave cadra no tempo co período no que a meteoroloxía comeza a ser máis benévola e as persoas se dispoñen a acudir ás praias. Así pois, dende finais de marzo ata o mes de xullo, a píllara intenta sacar adiante os seus ovos e polos. "O lugar no que sitúan os seus niños coincide practicamente coas áreas de costa onde colocamos as nosas toallas de praia. Por tanto, entre as súas principais ameazas, está a ocupación masiva dos areais por parte das persoas, a presenza de cans que destrúen os niños e ovos destas aves, e a retirada mecánica das algas das praias que realizan moitos concellos costeiros para telas "limpas" para os e as bañistas", relatan dende Adega.

Todo fai indicar, xa que logo, que coa ausencia de persoas e cans das praias durante estes meses, o éxito reprodutivo da píllara será maior. Así, os polos so asumirían baixas por causas e predación natural ( raposo, corvo, denonciña…) e non humana. En todo caso, ADEGA insta a Xunta a estudar "os efectos deste confinamento humano na reprodución desta pequena e fráxil ave como medida no marco do Plan galego de recuperación da píllara das dunas".

POR UNHA MAIOR CONSCIENCIA

A natureza, lembra Adega, proporciónanos o medio no que vivimos e os recursos imprescindibles para a vida, como a auga ou o aire que respiramos, pero tamén as especies e hábitats que necesitamos para protexernos de axentes e patóxenos que orixinan pandemias como a que estamos a padecer. Por iso, a asociación apela a sermos conscientes daquelas actividades que desenvolvemos e que contribúen a degradar o medio natural ou que implican un forte impacto para a biodiversidade, cousa que logo acabará repercutindo inevitablemente nas nosas vidas.

"Na man de todas e todos está o reto de favorecer unha relación de respecto e complicidade co medio que nos rodea", rematan dicindo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta