O BNG denuncia que empresas privadas poidan adquirir tests cando "nin se garanten" para persoal sanitario

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2020 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, criticou que o Ministerio de Sanidade autorizase a adquisición e práctica de tests por parte de empresas privadas mentres non se "garanten" para o persoal sanitario e outros sectores da poboación con maior risco de contaxio.

O deputado do Grupo Plural Néstor Rego, durante a comparecencia da ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, na Comisión de Traballo, Inclusión, Seguridade Social e Migracións para explicar as medidas acometidas para facer fronte á COVID-19
O deputado do Grupo Plural Néstor Rego, durante a comparecencia da ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, na Comisión de Traballo, Inclusión, Seguridade Social e Migracións para explicar as medidas acometidas para facer fronte á COVID-19 | Fonte: Congreso dos Deputados.

O nacionalista reprobou a situación na que se atopan miles de persoas do sector sanitario que "continúan sen acceso ás probas de detección agás que teñan síntomas de contaxio".

"O BNG solicitou desde o primeiro momento desta crise sanitaria que se realicen probas a toda a poboación de forma masiva, así como o equipamento adecuado a todo o persoal sanitario que traballa en hospitais e residencias", subliñou Rego, que considera que mentres isto non sexa posible "hai que garantir as prioridades en función de criterios sanitarios públicos e non dependendo de quen poida pagar os tests ou non".

Neste sentido, os nacionalistas denuncian que se lle permita "a empresas como Naturgy a adquisición e realización de tests de forma masiva aos seus traballadores, así como á súa contorna familia, sen sintomatología previa".

Ademais, sostivo que o propio Goberno do Estado está a dar un "mal exemplo" toda vez o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) recorreu a unha empresa privada para a realización de probas ao seu persoal" ao adxudicar un contrato de 125.000 euros á compañía Quirón Prevención.

"Unha vez máis unha empresa privada pode dispor de tests aos que non accede o conxunto da poboación e nin sequera o persoal con máis risco de contaxio", censurou Néstor Rego, que defende que sexan as autoridades sanitarias as que adquiran e distribúan estas probas e establezan "con claridade" os protocolos de realización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta