Soben a case 250 os maiores de residencias falecidos polo COVID-19 con test

Se se lle suman os 14 mortos en centros con síntomas pero sen que se lle realizaran as probas a porcentaxe subiría a máis do 48% do total de falecidos polo coronavirus en Galicia. Os caos de positivos baixaron en 11 usuarios este luns.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2020 | Actualizada ás 11:36

Comparte esta noticia

As vítimas mortais da pandemia da COVID-19 en Galicia alcanzaron as 540 tras dous novos falecementos rexistrados nas últimas horas en residencias de maiores, segundo informou este martes a Consellería de Sanidade. Deste xeito, os maiores vinculados a unha residencia mortos por esta pandemia son 247, case o 46% do total.

De acordo co parte diario, ao longo do luns morreron diagnosticados con coronavirus un ancián no centro DomusVi Matogrande, na Coruña, e outro no Nosa Señora da Esperanza, en Ourense.
Tras esta actualización de datos, o número de falecementos rexistrados en centros xeriátricos elevouse a 128. A estes hai que sumar outras 119 persoas vinculadas cos xeriátricos, pero que faleceron ou ben en hospitais ou ben en residencias integradas.

Deste xeito, o número de falecidos con COVID-19 vinculados aos centros de maiores é de 247 persoas, un 45,7% do total de vítimas do coronavirus en Galicia. Con todo, esta porcentaxe aumentaría ata o 48,3% se se lle suman os 14 falecidos reportados pola Xunta con posibles síntomas pero aos que non se lle fixeron as probas.

Técnico de ambulancia equipado contra o coronavirus
Técnico de ambulancia equipado contra o coronavirus | Fonte: © Miguel Núñez.

CASOS ACTIVOS

Por outra banda, os activos de COVID-19 nas residencias de maiores galegas baixaron lixeiramente ao longo do luns, ata os 1.057, o que supón 16 menos con respecto ao domingo. En concreto, hai 764 usuarios e 293 traballadores destes centros diagnosticados co novo coronavirus.

Segundo o balance achegado este martes pola Consellería de Política Social, durante a xornada do luns rexistráronse un total de 11 altas de anciáns e catro traballadores que superaron a enfermidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta