Reclaman á Xunta unha única convocatoria de oposicións o vindeiro ano coas prazas de 2020 e 2021

A plataforma #Opos2021XustasParaTodxs denuncia a situación de “vulnerabilidade” na que se atopa arredor dun milleiro de estudantes se a Consellería de Educación abre o prazo de inscrición en canto finalice o estado de alarma. Pola súa parte, aplataforma #OPOñomeaestaOPO, que reclamou o adiamento das oposicións docentes previstas para este ano, manifesta que "non traballa na loita" dunha única convocatoria das citadas oposicións o próximo ano.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/04/2020 | Actualizada ás 11:32

Comparte esta noticia

A plataforma #Opos2021XustasParaTodxs, que representa a estudantes dos mestrados de Secundaria, do curso de Profesorado Técnico de FP e dos graos de Maxisterio Infantil e Primaria de toda Galicia, reclama á Xunta a realización dunha única convocatoria de oposicións de ensino para o vindeiro ano, que aglutine as prazas correspondentes a 2020 e 2021.

Exame de oposicións
Exame de oposicións | Fonte: Xunta.

“O máis lóxico é a celebración dun único proceso no que se garantan as prazas convocadas no 2020 xunto coas correspondentes ao 2021”, propón o colectivo, que di agrupar "arredor dun milleiro de persoas".

O alumnado, que, na maioría dos casos, obterá en poucas semanas a titulación que lles permita acceder a estas probas, declara vivir unha “situación de vulnerabilidade” se a Consellería de Educación abre o prazo de inscrición para as oposición adiadas ao ano que vén cando se levante o estado de alarma.

“Sería unha incoherencia”, denuncian, mostrando a súa total solidariedade cos actuais aspirantes, cos que descartan ningún tipo de confrontación.

Este colectivo, apuntan, tamén estaría afectado pola decisión da Xunta, xa que "o feito de inscribirse agora nun proceso opositor que terá lugar no 2021 impediríalles computar o tempo traballado como interinos o vindeiro curso 2020/2021 e tamén acreditar outros méritos que puideran obter ata o ano que ven", expoñen.

Adicionalmente, din que tamén terían que adiantar o custo das taxas, nun momento economicamente difícil para toda a sociedade. “Esta situación sería para eles un agravio comparativo fronte aos aspirantes que xa teñen puntuación máxima”, lembran.

A plataforma tamén advirte das consecuencias colaterais que este aprazamento de oposicións puidera ter para o ensino público galego, xa que a oferta de emprego público podería verse reducida nesta nova convocatoria: "Existe o risco de que as prazas dos cursos 2020/2021 e 2021/2022 non sexan cubertas".

Resalta a importancia de "consolidar unha óptima oferta de prazas, que garanta a calidade da docencia nos centros educativos, tendo en conta as inminentes xubilacións, que se producirán en breve, no eido educativo".

OUTRA POSTURA

A plataforma #OPOñomeaestaOPO, que reclamou o adiamento das oposicións docentes previstas para este ano debido ao contexto sanitario xerado pola COVID-19, manifestou que "non traballa na loita" dunha única convocatoria das citadas oposicións o próximo ano.
Así o aseguraron tralas manifestacións desde a plataforma #Opos2021XustasParaTodxs.

Desde #OPOñomeaestaOPO, nome co que se mobilizaron en redes sociais para solicitar firmas e lograr o adiamento, cuestionaron algúns aspectos do comunicado da outra plataforma. "Que se utilice o noso", sinalaron en referencia aos argumentos dados no mesmo sobre a situación dos actuais aspirantes, sen falar con eles.

"A nosa loita non foi laboral, senón sanitaria", precisaron, indicando que non se sitúan como colectivo "nin a favor nin en contra" da iniciativa da outra plataforma. "Non estamos de acordo con que se citen causas no noso beneficio que non nos foron consultadas previamente", precisaron en referencia aos argumentos dados desde #Opos2021XustasParaTodxs.

En todo caso, dixeron que o que reclaman é que as prazas previstas na convocatoria deste ano "se blinden" de cara ás oposicións de 2021 e avanzaron que no seo do colectivo que integran o debate está agora en relación ao feito de que "non se fagan chamamentos desde a Xunta" para "as baixas ou xubilacións". "As áreas deses docentes están a cargarse a outros e estamos a valorar se apoiar esa loita", sentenciaron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta