Un xuíz rexeita dotar de máis medios de protección contra o coronavirus ao GES de Castro Caldelas

O tribunal rexeita a demanda da CNT e afirma que "en circunstancias como as actuais" hai que operar "co posible e non co desexable".

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 28/04/2020 | Actualizada ás 17:01

Comparte esta noticia

O Xulgado do Social número 4 de Ourense desestimou a demanda presentada pola sección sindical da CNT na que esixía ao Concello de Castro Caldelas que dotase de máis medios de prevención e protección aos traballadores do Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES) destinados a tarefas de desinfección e limpeza de exteriores contra a pandemia de COVID-19.

GES.
GES.

Na sentenza, o xuíz apunta que en "circunstancias como as actuais", nas que se decretou o estado de alarma, "hase de operar co posible e non co desexable, máxime cando se trata precisamente da actuación de quen foron contratados para operar como Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES)" e tendo en conta o material do que xa dispoñen.

En canto á formación que demandaba o sindicato para o uso, coidado e eliminación correcta dos EPIS, o maxistrado considera que a "numerosa información sobre o correcto uso e disposición dos equipos de protección, mesmo nos medios de comunicación", fai que "dubidosamente se poida esgrimir que se ten un descoñecemento que poida pór en perigo unha elemental protección da saúde". Ademais, destaca que se lles entregou aos traballadores unha guía de actuación preventiva ante a COVID-19.

Do mesmo xeito, no fallo sublíñase que os membros do GES non teñen contacto con persoas contaxiadas nin realizan labores de desinfección dentro de centros nos que hai enfermos, polo que tampouco retiran materiais biolóxicos desas instalacións. Por iso, rexeita a petición de dotar ao corpo de colectores de risco biolóxico realizada polo sindicato.

O xuíz conclúe que os medios de protección dos que xa dispoñen os operarios do GES "non difiren dos que utilizan o resto dos traballadores que están en contacto co risco en condicións similares, non con pacientes infectados".

Así, recalca que a proba practicada "deixou claro que os traballadores do GES non desinfectan por dentro residencias de anciáns, senón só por fóra, así como o resto de espazos públicos exteriores situados nese concello", o que fai a súa protección actual adecuada para o seu labor.

Na resolución lémbrase tamén que cada traballador, individualmente, se considera que a actividade a desenvolver nun momento determinado "entraña un risco grave e inminente para a súa vida ou a súa saúde", poderá interromper a súa actividade e abandonar o lugar de traballo, "en circunstancias nas que o risco de contaxio sexa evidente".

O xuíz sostén que ese suposto, con todo, "non parece acontecer durante as tarefas comúns de desinfección e limpeza de espazos públicos que foron encargadas ao GES". O maxistrado, por tanto, indica que non existe vulneración do dereito fundamental á integridade física, como incluía a demanda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta