A CIG desprega pancartas ante centros "representativos" de non protexer os seus traballadores

Con esta acción foi como conmemorou o Día Mundial da Seguridade e Saúde Laboral.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 28/04/2020 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

A Confederación Intersindical Galega (CIG) conmemorou este martes, Día Mundial da Seguridade e Saúde Laboral, con actos simbólicos de protesta ante "centros de traballo representativos da falta de medidas de protección", como residencias de maiores, empresas do metal, hospitais e varios polígonos industriais de Galicia.

Así, fronte a estes espazos de traballo, representantes do sindicato nacionalista despregaron pancartas nas que esixen "protexer a clase traballadora galega", sometida a "riscos" que se agravaron no actual contexto da pandemia de coronavirus.

Ademais, a CIG tamén trasladou as súas demandas ante edificios administrativos da Xunta para reclamar ao goberno galego "que obrigue as empresas a aplicar as medidas de seguridade necesarias e que se realice un control estrito do seu cumprimento".

Segundo apuntou o secretario xeral da central, Paulo Carril, os lugares elixidos para visibilizar a protesta "son unha mostra daqueles sectores nos que resulta evidente a falta de seguridade: sanidade, limpeza, residencias, ambulancias, comercio de alimentación, etc.".

"Mobilizámonos para denunciar a ausencia de medidas de protección para quen ten que traballar, que non se está exercendo un control estrito para que se traballe con seguridade, ou que mesmo se relaxaron algunhas medidas adoptadas durante as primeiras semanas do estado de alarma, como as relativas a persoas especialmente sensibles", explicou Paulo Carril.

A CIG asegurou que, no actual momento de inicio da 'desescalada', "os abusos patronais non só continúan, senón que mesmo se incrementan". Ademais, segundo Carril, as medidas adoptadas polas administracións ata agora, tiveron "unha maior e descarada preocupación pola saúde da economía que pola saúde da poboación".

O secretario xeral da CIG advertiu de que "non se pode permitir que se siga enfrontando esta crise con políticas que empobrecen máis á maioría do pobo e poñen en risco permanente nosa saúde", mentres "o capital segue marcando as decisións".

Concentración convocada pola CIG ante o estaleiro vigués Freire, con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde Laboral.. CIG
Concentración convocada pola CIG ante o estaleiro vigués Freire, con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde Laboral.. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta