Feijóo, tras ignorar á oposición en Galicia, critica a Sánchez por non consultar o seu plan con Pablo Casado

Non informou aos líderes de PSdeG, Galicia en Común, BNG, En Marea e Ciudadanos do seu plan de desescalada pero critica duramente ao presidente español por non facelo con Pablo Casado. "Tivo que enterarse como calquera outro cidadán", queixouse.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2020 | Actualizada ás 15:28

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que "Galicia non pode avalar" o plan de desescalada presentado polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, un documento con "algunhas luces e moitas sombras" e criticou que se aprobara sen ser consultados os presidentes autonómicos. Unhas críticas que, curiosamente, tamén lle fan a el os líderes da oposición en Galicia que acusan a Feijóo de aprobar un plan para Galicia sen ter en conta para nada a súa opinión.

Feijóo comparece ante os medios. Xunta de Galicia
Feijóo comparece ante os medios. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Tras queixarse de que, a pesar do que pon o documento do Goberno, non se acordou "o plan coas comunidades, Feijóo apelou a que este sexa "mellorado e rectificado". "Estamos a tempo", dixo, e pediu a Sánchez que teña en conta a opinión das autonomías aproveitando, por exemplo, o foro da videoconferencia de presidentes que se celebra cada domingo.

"Temos que traballar de forma leal e coordinada e non a través de imposicións", dixo Feijóo. Por iso, Galicia Confidencial preguntoulle se consiera que non debe de ser "leal" e traballar coordinadamente e sen "imposicións" coa oposición en Galicia, que se queixou de enterarse do plan de desescalada da Xunta polos medios. "Presentouse de xeito sorpresivo", dixo o presidente galego sobre o plan de Sánchez para xustificar que el tiña pensado comparecer na Cámara galega en vindeiros días para dar conta do seu calendario de desescalada.

CRÍTICAS Á OPOSICIÓN EN GALICIA

"Eu comprendo que a oposición ten que dicir o que considere oportuno", dixo ao tempo que xustificou que fala cos líderes da oposición cada domingo, agás un. Tamén defendeu que "máis da metade" dos conselleiros do seu executivo xa compareceron na Cámara Galega. Con todo, Feijóo non explicou porque non consulta nin é "leal" coa oposición galega para pactar con eles o plan de desescalada en Galicia.

Pero, a pesar de "non enteder as críticas da oposición en Galicia", si entende as críticas de Pablo Casado a Sánchez. Así, cargou contra o Goberno de Madrid por non consultar co seu xefe de filas. "Que o xefe da oposición se entere do plan como calquera cidadán non é lóxico, nin que tampouco se lle informe de novas prórrogas", dixo. "O que busca -Sánchez- é que non haxa acordos nin pactos porque os seus socios do goberno non están de acordo con pactos constitucionais", reflexionou.

PLAN DE ŚANCHEZ

Sobre o plan presentado polo Goberno central, Feijóo celebrou que se despexen algúns horizontes e que a desescalada sexa "gradual", pero entre as cuestións que, baixo o seu punto de vista, deben rectificarse, situou a "mobilidade provincial". A Xunta mantén que a referencia debería ser a área sanitaria e que o lóxico é atender a criterios de saúde e non administrativos.

É dicir, defende que chegado o momento poida haber mobilidade entre dúas provincias se a situación epidemiolóxica é similar. A modo de argumento, indicou que, por exemplo no caso de Galicia o 10 por cento da súa poboación, máis de 260.000 galegos, vive en 70 municipios limítrofes entre provincias.

O plan de Feijóo recolle a posibilidade de que ese plan sexa por distritos ou comarcas. Así, dixo que no caso da área sanitaria de Ourense, que é toda a provincia, se poida dividir en tres zonas; Ourense e a área colindante, Valdeorras e a zona de Verín e Monterrei.

CRITERIOS

Por iso, reclamou que o Executivo aclare os "criterios sanitarios" exactos que permitirán a cada territorio pasar dunha fase a outra. "A incógnita fundamental é cales son os parámetros e variables que se van a empregar en cada fase. Non se concreta o punto de corte, non sabemos a partir de que datos sanitarios o Goberno vai autorizar o paso á seguinte fase", lamentou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 cachamuíña

Bla, bla, bla. Bla,bla,bla.Bla,bla,bla. O que queren estes do Bloque, os socialistas e os outros que no se sabe moi ben quen son, é aproveitar esa comparecencia para facer política miserable e montar o lío co asunto este da pandemia. Qué vai facer o Parlamento galego, que non ten poder nin influencia ningunha neste tema? Acaso o goberno da Xunta, a Generalitat ou o Goberno Vasco pintan moito á hora da toma de decisións? Nada. En fín, estes andan a ver se lle tocan os kinder a Feijóo e rascan uns poucos votos. Iso é o único que pretenden

2 Babor

Si dixera o que penso do Peares, agora mesmo ia a cadena. Que noxo me da.

1 Ana

Auguro unha abstención histórica en próximas eleccions. Teño a impresión que os partidos políticos van pagar nas urnas o apoio ao "estado de alarma" que esta arruinando o pais e recortando liberdades. Cada vez menos xente compra o que venden políticos e medios de comunicación e ven o interés por impor o Novo Orde Mundial. Neste momento miles de galegos teñen claro que non aplauden dende o balcón, que non se van vacunar e que van mercar no pequeño comercio pagando con diñeiro físico.

1 Viravento

Que non se van vacinar??!?! Non temos UNHA vacina e mira na lea na que estamos. O falar non ten cancelas, dende logo. Canta/o científica/o cualificada/o polo mundo rascando o "coronavirus" na casa...