Feijóo segue sen descartar o mes de xullo para as eleccións: "Cando teña algo que dicir, direino"

Di que se celebrarán "no momento de maior certidume sanitaria".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/04/2020 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reafirmouse en que as eleccións galegas non están na súa axenda, pero segue sen descartar a súa celebración en xullo. Tras varias roldas de prensa na que se lle pregunta por este mes, o xefe do Executivo galego segue sen descartar este mes, a pesar da situación de alarma sanitaria.

Feijóo vota o 25 de setembro nas eleccións autonómicas
Feijóo vota o 25 de setembro nas eleccións autonómicas

Con todo, nunha rolda de prensa telemática recoñeceu que é "consciente" de que a lexislatura "finaliza en setembro" e cre que os comicios --previstos inicialmente para o 5 de abril e aprazados polo coronavirus-- deberían celebrarse "no momento de maior certidume sanitaria".

Despois de que o lehendakari vasco, Iñigo Urkullu, apuntase ao horizonte de xullo, Feijóo dixo que a Xunta está a elaborar un estudo epidemiolóxico propio para abordar a situación sanitaria en Galicia. "Son perfectamente consciente de que a lexislatura finaliza en setembro e de que, cada día, queda un día menos para finalizar a lexislatura. As eleccións teñen que celebrarse no momento de maior certidume sanitaria que podamos", esgrimiu.

"Cando teña algo que dicir, direino. Por suposto, aos grupos políticos, cos que hai a obrigación de ter unha reunión e unha reflexión colectiva sobre unhas eleccións que espero que se celebren neste ano 2020", aseverou, en referencia ao mandato de oir ao resto de partidos que fixa o propio decreto de suspensión dos comicios autonómicos.

ESTADO DE ALARMA

O mesmo decreto determina que as eleccións non poderán convocarse en estado de alarma. Preguntado, neste sentido, acerca de se a extensión desta situación durante a desescalada frearía calquera posibilidade de que os comicios galegos sexan en xullo, Feijóo proclamou que "España non se merece seis semanas máis de estado de alarma".

"Non podemos falar de normalidade cando estamos nun suposto de alarma excepcional e seguir insistindo en ampliar o estado de alarma paréceme que debemos reflexionalo desde o punto de vista da democracia e desde o punto de vista legal", engadiu. E é que, ao seu modo de ver, hai fórmulas legais no ordenamento xurídico español que "amparan" os plans de desescalada "sen acudir ao estado de alarma".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta