Técnicos de Enfermaría denuncian a Xunta ante Inspección de Traballo para pedir probas de PCR

Sobre os test rápidos, indica que existe "a posibilidade" de que teñan como resultado "un falso negativo, o que aumenta a incerteza do resultado".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 29/04/2020 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

O Sindicato de Técnicos de Enfermaría interpuxo senllas denuncias á Consellería de Sanidade e a de Política Social ante a Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social da Coruña solicitando a realización de PCR aos profesionais sanitarios.

Así o informa nun comunicado no que afirma que "quedou demostrado que esta é a única proba diagnóstica con fiabilidade tendo en conta o comportamento da infección por COVID19 en relación coa aparición dos primeiros síntomas".

"E mesmo a ausencia destes que permite ás persoas ser vectores de transmisión sen sabelo, o que supón que moitas persoas estean a ser causa de moitos contaxios sen ter constancia, estendendo así a epidemia", apostila.

Por outra banda, incide en que "moitas destas persoas con síntomas leves ou asintomáticas son os propios profesionais en contacto cun gran número de persoas".

TEST RÁPIDO

Sobre os test rápidos, indica que existe "a posibilidade" de que teñan como resultado "un falso negativo, o que aumenta a incerteza do resultado". "Este feito supón un risco engadido que afecta o traballador a nivel psicosocial que se engade a outros factores como a elevada carga de traballo que xera un elevado nivel de tensión".

"A opción para minimizar estes feitos é a realización de test PCR e que estes se fagan con periodicidade necesaria, que debe ser acordada cos representantes dos traballadores, para garantir a súa saúde", engade.

En base a iso, o Sindicato de Técnicos de Enfermaría solicita "a realización de PCR e seroprevalencia indiscriminadamente a todos os traballadores sanitarios" e que se acorde cos representantes dos traballadores "a periodicidade dos PCR, así como que se estableza no protocolo correspondente a necesidade do dobre negativo" para a confirmación do diagnóstico.

Traballadoras de Sanidade © Miguel Núñez
Traballadoras de Sanidade © Miguel Núñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta