Fala o profesorado das universidades: "O que menos queremos é crearlle problemas ao alumnado"

O alumnado pide que se teñan en conta as circunstancias excepcionais e os docentes optan por diferentes vías para rematar o curso: hai quen mantén exames, hai quen considera que a avaliación continua é a opción máis favorable e hai quen apela a abrir o debate máis alá dos diferentes sistemas de avaliación. Toma a palabra o profesorado.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/05/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As protestas prenderon en todas as universidades galegas dende aquel 13 de marzo no que rematou a docencia presencial. Cunha folga telemática enriba da mesa convocada por Anega, parte do estudantado galego reclama a fin do curso e a suspensión das materias ao entender que a situación derivada desta crise sanitaria impide garantir a igualdade de oportunidades entre o alumnado e ao entender que a universidade non pode ser reducida a un intercambio de materiais a través da rede.

Un estudante fronte ao ordenador. UNIVERSIDADE DE VIGO
Un estudante fronte ao ordenador. UNIVERSIDADE DE VIGO

Outra boa parte do estudantado pide que os docentes aposten por unha avaliación flexible e continua no canto da realización de exames telemáticos, tal e como recomendan dende os Consellos de Goberno das universidades galegas. Fronte a esta realidade excepcional que atinxe e afecta todo o entorno académico, as posicións adoptadas polo profesorado son moi diversas e van dun extremo a outro: mentres que na Facultade de Medicina (USC) só en dúas materias optaron por non realizar exame final, no Grao de Xornalismo (USC), por exemplo, unicamente dous de 22 profesores manteñen a proba. Outros docentes buscan abrir o debate máis alá dos diferentes criterios de avaliación.

"A AVALIACIÓN CONTINUA É A OPCIÓN MÁIS FAVORABLE"

"Nada máis lonxe do punto de vista do profesorado é crear problemas ao alumnado", fala Xosé López, director de Departamento e coordinador do Grao de Xornalismo. "Todos rebaixamos as esixencias e penso que houbo unhas postura responsable e xenerosa". Tendo en conta esta "situación de excepcionalidade", a meirande parte do profesorado desta Facultade apostou por unha avaliación continua do alumnado. "Ata o 13 de marzo hai clases normais e hai material que se pode avaliar sen ter que facer proba específica final". Argumenta que esta opción é a máis "favorable" por "razóns obvias": "outro tipo de probas levan consigo unha serie de dificultades, e por outra banda, o alumnado tivo oportunidade para mostrar que era capaz de facer durante as clases presenciais".

Respecto daquela parte do estudantado "moi preocupante" que atopa problemas para seguir a docencia non presencial e que queda desconectado, Xosé López afirma que "personalizaron os casos para darlles unha resposta". Teñen localizados "moi poucos"; e a esas persoas "recólleselles o material mediante correo electrónico" e non a través da aula virtual. En canto ao seguimento da folga, cuxos estudantes tamén pedían que se tiveran en conta as circunstancias persoais en termos de saúde física e mental ou en termos de relacións e convivencia familiar, este profesor cualifícaa de "desigual". "Respectamos a folga, ningún profesor cuestiona o seu dereito e a nosa vontade sempre é de diálogo. O que se fai é ampliar os prazos para presentar os traballos". 

EXAMES TELEMÁTICOS

Outros profesores, pola contra, si optaron por manter a convocatoria de exames, aínda que están pendentes de que a universidade aprobe a realización de probas presenciais en xuño para evitar o modo telemático. Fernando Cerdeira, profesor da Escola de Enxeñería Industrial da UVigo, conta que a raíz desta situación potenciou "un pouquiño" a parte da avaliación continua a través do traballo. "Non foi un gran cambio. A outra parte será o exame, que farei a través das aplicacións. A ver como sae, iso é o que non sei", relata. O maior problema atópao na súa materia con máis alumnado, xa que "a rede non está preparada para soportar tanta xente ao mesmo tempo".

Garante logo este sistema a igualdade de oportunidades? "Os alumnos ás veces din que para eles é un estrés, pero os profesores tamén o temos, todos estamos recluídos. Agora hai unha situación extrema pero circunstancias persoais tamén podían pasar antes. Hai bos alumnos, hai un grupo medio e hai outro que quere escaquearse. Para que haxa igualdade hai que compensar o alumno que traballou. Un aprobado xeral é prexudicial", afirma Cerdeira. "Non ten por que ser inxusto que a avaliación sexa online, o que si é inxusto sería deixar que todo o mundo se conecte e haxa suplantación de identidades, alumnos que pidan axuda ou salten a lei...".

Este profesor recolle o exemplo doutras moitas universidades que levan tempo facendo exames online. "Son máis inxustos? Eu creo que non". Nas súas materias concretamente, Cerdeira indica que reformular os criterios de avaliación cara a unha avaliación continua resulta "complicado". "Pídesenos que pasemos en dous segundos unha materia que é dunha forma a outra, iso leva tempo preparalo". 

"SENSATOS, FLEXIBLES E RAZOABLES"

De xeito parecido pensa Maite Cancelo, directora de Departamento da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago, que considera que recurrir á avaliación contínua cando a materia non está orientada desa maneira é "contraproducente". "Agora mesmo se facemos só avaliación continua podemos acabar colapsando, porque non se trata de mandarlles facer un traballo e punto", argumenta. Segundo indica, o profesorado busca axustarse á situación excepcional, adaptando o grao de esixencia ou "énfase" na avaliación. "O criterio que hai que ter é o de ser sensatos, flexibles e razoables".

Maite Cancelo recoñece o "esforzo importante" do profesorado por preparar a docencia non presencial e asegura que o estudantado estivo seguindo as aulas maioritariamente. Define a situación como dunha "normalidade dentro da excepcionalidade". "En moitas materias incluso están máis contentos e máis soltos, pola novidade. A resposta do estudante foi boa; e se un alumno ten problemas, aquí estamos para buscar solucións".

MÁIS ALÁ DOS MÉTODOS DE AVALIACIÓN

Esta profesora considera que o método de avaliación non é "tan fundamental" e que o debate se "enfoca moito" nesta cuestión. Se ben é esta a problemática que agora mesmo centra a discusión, parte do profesorado aposta por ampliar o discurso máis alá do sistema de avaliación. "Non podemos reducir os procesos educativos a unha proba de avaliación; cómpre decatarnos de que a educación é un proceso complexo que ten moitas facetas: argumentar, analizar, comprender a realidade, adquirir destrezas e habilidades colectiva e individualmente...", argumenta agora Daniel Lanero, profesor na Facultade de Historia da Universidade de Santiago.

Lanero parte da idea de que calquera método "vai ser complexo e xerará agravios comparativos e situacións de inxustiza". El é partidario de que a actividade continúe, xa que considera fundamental "garantir o proceso de formación do estudantado". "Por suposto que hai que atender cuestións como dificultades de conectividade, enfermidade, casas familiares sen condicions espaciais mínimas para estudar...", asegura, e por iso mesmo, insta a superar a visión da educación como unha cuestión "centrada nas notas" e a analizar e aproveitar a "potencialidade formativa que temos aínda en situación de excepcionalidade". 

Máis alá da medición dos resultados, para este profesor, a pregunta ao redor da que debe xirar o debate é: "Nesta situación de excepcionalidade, como poderiamos funcionar o mellor posible para garantir que os procesos formativos non se vexan afectados ou para experimentar outros métodos formativos?".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Quod natura non dat, Moodle non praestat...