Concellos do Camiño de Santiago preparan os albergues para adaptalos ás normas sanitarias

O Concello de Santiago non desbota aínda a celebración das Festas do Apóstolo. O rexedor municipal, Xosé Sánchez Bugallo, avanzou que o goberno local traballa coa hipótese e está a analizar a organización de eventos de pequeno formato.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2020 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

A Asociación de Municipios do Camiño de Santiago está a preparar unha serie de protocolos, medidas e directrices, especialmente destinadas aos albergues, para que poidan acoller aos peregrinos seguindo as normas sanitarias e hixiénicas derivadas da prevención da COVID-19.

Para esta asociación, "un dos alicerces" da reactivación do Camiño de Santiago "será a confianza nas medidas hixiénicas e sanitarias que se poñan en marcha", especialmente nos albergues, nos que os peregrinos pasan moito tempo.

Para iso, en primeiro lugar, a asociación está a crear un documento con todas as características físicas dos albergues públicos e de acollida tradicional do Camiño de Santiago para implantar "con celeridade" as medidas que aprobe o Goberno unha vez sexan máis concretadas.

Dese modo, cos cocientes de distancias interpersoais e ocupación por metros cadrados, o Camiño estará "en disposición de saber a cuantos peregrinos, e de que forma, poden acoller os albergues, así como os espazos que deberán ser pechados".

De forma paralela, os municipios do camiño tamén están a desenvolver unha tecnoloxía que servirá para que os seus socios, máis de 100 localidades, e outras institucións e peregrinos, saiban en tempo real que ocupación teñen os albergues. A asociación busca agora financiamento doutras institucións para que a súa implementación "sexa o máis ampla posible".

Por outra banda, os albergues "contarán coas regras sanitarias trasladadas aos seus propios espazos". "Dous expertos en saúde están a adaptar os consellos sanitarios á realidade cotiá dos albergues de peregrinos e estes serán trasladados aos albergues cando teña o visto e prace das autoridades sanitarias", subliñaron.

A última medida, inciden, é "a identificación de todos os elementos barreiras" dos que terán que dispor os albergues para "separar espazos e protexer aos peregrinos e hospitaleros".

Catedral de Santiago, Praza do Obradoiro. CONCELLO DE SANTIAGO - Arquivo
Catedral de Santiago, Praza do Obradoiro. CONCELLO DE SANTIAGO - Arquivo

CONCELLO DE SANTIAGO

O Concello de Santiago non desbota aínda a celebración das Festas do Apóstolo. O rexedor municipal, Xosé Sánchez Bugallo, avanzou que o goberno local traballa coa hipótese e está a analizar a organización de eventos de pequeno formato, apostando por grupos locais, e abrilo ao espazo cidadán na medida en que o permitan as condicións da desescalada, a evolución da pandemia e as recomendacións das autoridades sanitarias.

En todo caso, trátase dunha reflexión e unha decisión que se compartirá co resto de grupos municipais, aínda que todo dependerá da recuperación da chamada 'nova normalidade'. "Temos que asumir que o que fagamos no Apóstolo vai ter moi pouco que ver co ano pasado. Non haberá grandes eventos, nin haberá grandes concentracións de persoas", explicou Bugallo.

Todas as iniciativas que se realicen con motivo do 25 de xullo terán que respectar tanto as distancias de seguridade como as medidas que finalmente se apliquen nas próximas semanas, o que obrigará ao Goberno local a "reformular o cartel" previsto inicialmente.

"Non podemos gastar unha cantidade grande de diñeiro e facer unha actuación que poidan gozar moi poucas persoas", considerou o rexedor de Santiago, que engadiu que se apostará por reforzar a programación cultural e de eventos para final de 2020 coincidindo coa apertura do Ano Santo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta