Feijóo xustifica que non foi ao Senado porque "non foi Pedro Sánchez"

O PP criticou duramente ao presidente español por non ir á Cámara Alta, pero non dixo nada da ausencia do presidente galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2020 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xustificou este xoves a súa ausencia na Comisión do Senado na que Goberno e comunidades autonómas debaten sobre a crise sanitaria do coronavirus porque tampouco foi Pedro Sánchez. Nese encontro, o representante de Galicia foi o vicepresidente, Alfonso Rueda.

Tras presidir a reunión semanal do Consello da Xunta, Feijóo lembrou que se pediu que comparecese nesa comisión o xefe do Executivo central, o socialista Pedro Sánchez, para que o resto de presidentes autonómicos puidesen trasladarlle a súa visión e propostas, pero o mandatario estatal "non quixo asistir".

"Foi a ministra de Política Territorial, á que respectamos moito, pero ten cero competencias sanitarias. Non habendo ido o presidente e con reunión de Goberno (en Galicia), non considerei oportuno desprazarme ao Senado", argumentou o tamén líder do PP galego.

Así as cousas, asegurou non ter coñecemento de como estaba a transcorrer a reunión e se o Executivo aceptaría ou non finalmente a referencia de áreas sanitarias no canto de provincias para o plan de desescalada avanzado por Sánchez. En todo caso, o dirixente galego precisou que non se trata só "diso". "Mentres que non coñezamos os criterios sanitarios de forma clara e o corte, non creo que se deba validar ese plan de reactivación", resolveu.

Feijóo, antes de comparecer en rolda de prensa na sede da Xunta. Xunta de Galicia
Feijóo, antes de comparecer en rolda de prensa na sede da Xunta. Xunta de Galicia

CRÍTICAS DO PP

Precisamente, o partido de Feijóo foi moi duro con Pedro Sánchez por non acudir ao Senado. "Hoxe terá lugar no Senado unha reunión importantísima cos presidentes dos CC AA á que Sánchez non vai ir. Manda a un dos seus 23 ministros. Con 13 que tiña Rajoy organizouse mellor esta crise", tuiteou o PP facéndose eco dunhas palabras do secretario xeral do PP, Teodoro García Egea.

Un tuit que foi utilizado por En Marea para ironizar sobre a situación xa que, mentres o PP critica a Sánchez por non acudir á Cámara Alta, cala pola ausencia de Feijóo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta