Prohibido improvisar a colocación de plásticos nos xulgados galegos contra contaxios de coronavirus

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia establece que non está permitida a súa colocación nas salas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2020 | Actualizada ás 17:28

Comparte esta noticia

A Comisión de Seguimento da crise sanitaria da COVID-19 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou na súa reunión deste xoves establecer que non está permitida a colocación de plásticos para evitar contagios nas salas de vistas do país, como transcendeu que se realizou nun partido xudicial galego, se non son elementos homologados.

Medidas de protección nos xulgados e rexistros galegos contra o coronavirus
Medidas de protección nos xulgados e rexistros galegos contra o coronavirus | Fonte: ALTERNATIVAS DA XUSTIZA

Segundo precisou o TSXG, estas instalacións, que xa se ordenaron retirar, non están avaladas pola autoridade sanitaria, polo que "non hai ningún tipo de garantía sobre a protección que poden ofrecer".

Aínda que entenden que "a súa instalación se fixo coa mellor vontade", a Comisión considera que este tipo de material pode mesmo "aumentar o risco de contaxio, ao non existir control sobre a súa procedencia ou instalación, nin garantías sobre a súa limpeza".

Todos os partidos xudiciais de Galicia recibiron luvas, máscaras e xeles hidroalcohólicos para que o traballo nos xulgados se poida realizar con garantías sanitarias, destacan. Este material de protección súmase aos 170 paneis de metacrilato que xa foron instalados en servizos que teñen atención ao público.

A Dirección Xeral de Xustiza deu conta este xoves á comisión de que, de "forma inmediata", se repartirán tamén pantallas faciais individuais aos funcionarios que realizan tarefas de atención ao público nos xulgados de garda, rexistros civís e aqueloutros onde poida haber presenza de cidadanía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta