A Deputación da Coruña destina 19 millóns para os concellos na loita contra a COVID

Insta a derrogar a 'Lei Montoro' para facilitar os investimentos por parte dos concellos

Por E.P. | CORUÑA, A | 30/04/2020 | Actualizada ás 18:12

Comparte esta noticia

A Deputación da Coruña aprobou, por unanimidade, no primeiro pleno telemático da súa historia, destinar 19 millóns de euros para apoiar os concellos coruñeses na loita contra a COVID-19 e axudar a paliar os seus efectos sociais e económicos.

Os fondos, procedentes de superávit e remanentes de tesouraría, chegarán aos concellos a través do Plan Único (POS+2020). Ademais, o pleno aprobou modificar as bases do plan para adaptalas á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Na súa intervención, o presidente provincial, Valentín González Formoso, subliñou que o Plan Único será este ano "máis social que nunca", á vez que agradeceu o apoio dos grupos políticos a este punto e outros aprobados por unanimidade.

"Imos ter que ir ao Congreso", dixo para remarcar o consenso no organismo provincial desde o que, ao seu xuízo, está a darse "un exemplo".

REPARTICIÓN

Dos 19 millóns aprobados, explicou tamén que catro proceden de superávit e terán como destino financiar gastos sociais extraordinarios derivados da COVID-19 "como a adquisición de equipos de protección individual (EPI) ou o reforzo dos servizos municipais de axuda a domicilio para maiores, dependentes ou persoas con discapacidade".

Estes fondos serán de carácter prepagable, polo que os concellos percibirán as achegas económicas da Deputación de maneira inmediata, sen ter que esperar a xustificar o investimento.

Os restantes 15 de millóns de euros aprobados polo pleno provincial poderán ser usados polos concellos para o financiamento dos seus servizos básicos (gasto corrente) ou para obras financeiramente sustentables. Ademais, entre outros asuntos, no pleno tamén se deu luz verde ás bases do novo Plan de Emprego Local (PEL) 2020-2023.

OUTROS ASUNTOS

Na sesión plenaria, aprobouse tamén unha moción conxunta, apoiada por todos os grupos políticos, instando o Goberno de España a derrogar a Lei orgánica 2/2012, de 27 de abril, de establilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira (coñecida como Lei Montoro). "Para que, nesta grave crise, os concellos e as deputacións poidan destinar parte do seu superávit a políticas activas de emprego, solidariedade e reactivación económica", expón.

Noutra orde de cousas, tamén se aprobou a moción da plataforma 'Salvemos a comarca de Ordes', presentada por Marea Atlántica, para reclamar a reforma do Plan Eólico de Galicia e a paralización dos proxectos previstos nesta zona, máis dunha ducia. O texto contou con tamén cos votos favorables de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños.

A Deputación da Coruña celebra o primeiro pleno telemático da súa historia polo confinamento. DEPUTACIÓN DA CORUÑA
A Deputación da Coruña celebra o primeiro pleno telemático da súa historia polo confinamento. DEPUTACIÓN DA CORUÑA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta