Falan os médicos rurais: "Se nas cidades hai problemas co material, imaxinade o que é no rural"

Durante a crise pola COVID-19 case non se oíu falar dos e das médicas rurais. As consecuencias reais do coronavirus dentro da “Galicia baleira” están por coñecerse. De momento apuntan cambios en hábitos moi estendidos como a masificación dos centros de saúde.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 04/05/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os médicos rurais que quedan en Galicia afrontan a loita contra o coronavirus desde unha perspectiva que varía moito con respecto dos centros de saúde urbanos ou dos centros hospitalarios. En moitos casos, o illamento das persoas pode ter salvado familias enteiras do contaxio mais tamén puido ser motivo de dificultades para trasladar a persoa enferma.

Centro de saúde das Neves. CONCELLO DAS NEVES
Centro de saúde das Neves. CONCELLO DAS NEVES

A CINSENTA DA ADMINISTRACIÓN

“A medicina rural sempre foi a Cinsenta da administración” di José Manuel Lage, médico rural retirado e fundador do Museo de Medicina Rural de Maceda, o primeiro deste xéreno que se teña noticia. “Mentres que a medicina hospitalaria avanzaba, a rural quedaba marxinada e non se tiñan en conta as súas aportacións”.

O optimismo da Xunta con respecto aos efectos da COVID-19 no medio rural ten a súa punta de lanza na “dispersión”. Esa dispersión ten un factor en contra que é o avellentamento da poboación rural, converténdoa en poboación de risco. Isto prendeu todos os medos e ante a falta de coñecemento sobre esta nova doenza, houbo concellos e asociacións que organizaron encontros informativos.

“A comezos de febreiro participei nun acto informativo en Xinzo, alí expliquei que era esta doenza, as diferenzas coa gripe común e a necesidade de vacinarse contra ela” explica Lage. “Se en Madrid houbo problemas coa subministración de material, imaxine como estarán os médicos rurais”.

Tal como explica Lage, moitos dos seus colegas no rural fan medicina a nivel telefónico, filtros de persoas posiblemente contaxiadas que son derivadas a outros centros. Mentres as consultas ordinariais se seguen mantendo, cousa esta que serve tamén para ir informando á poboación.

MEDO Á COVID-19

“Había moito medo entre as persoas, iso é certo, mais cando se avisou que só acudisen as persoas con síntomas serios, a xente foi respectuosa con isto” di Manuel Martín, médico na parroquia do Seixo, Marín. Ao centro de saúde onde traballa, “que é unha extensión do centro de saúde de Marín”, acoden persoas de parroquias veciñas.

O medo fixo que as consultas telefónicas aumentasen enormemente preguntando ante a aparición de calquera mínimo síntoma. Outra consecuencia máis directa foi o descenso de asistencia ao centro de saúde por parte de xente maior de 65 anos, a maioría afectados por síntomas músculo-esqueléticos. “O que si demandan é a atención a domicilio por medo de ir aos centros de saúde” di Manuel Martín, membro de S.O.S Sanidade Pública.

Preguntado se as autoridades prestaron o apoio que se esperaba delas, Martín responde que da Consellería de Sanidade “pouco apoio, non ten ideas estratéxicas moi claras nin neste nin outros problemas relativos á atención primaria”. Manuel Martín describe os primeiros días como de “desconcerto” ante a confusión que existía sobre como afrontar a enfermidade.

Unha cousa que si mudou é a relación médico-paciente. Un dos problemas máis recorrentes en centros de saúde era a masificación, algo que frustraba a moitas das persoas que acodían ao médico. A solución máis inmediata era recorrer ás urxencias hospitalarias ou aos PAC. “Agora a relación entre os doentes do rural e o equipo médico no noso caso ten mellorado moito”.

“Isto deixará un trauma social primeiro porque moitos pacientes tiveron que pechar negocios ou non saben que vai ser do seu futuro” analiza Manuel Martín. “No rural un bar por exemplo é unha maneira de gañar a vida, a tenda é unha forma de compra diferente á da cidade”. Tamén se dá un medo que case se perdera ás infeccións. “Pensabamos que morreriamos de infartos, accidentes, cancros e de súpeto unha pandemia infecciosa está matando xente, como antigamente a tuberculose”.

A atención médica no rural vai mudar en varios puntos o mesmo que a atención médica en xeral, despois desta pandemia. A cuestión é saber se, como di Manuel Martín, a actitude cara a Atención Primaria cambia e a maioría cae na conta de que é un servizo que non pode estar desatendido. Por outra parte, a atención médica en áreas rurais precisa, segundo profesionais que traballan nestas áreas, unha mellor atención por parte das autoridades, do mesmo xeito que outras áreas asistenciais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta