Temas: AGRICULTURA

O próximo luns permitiranse mercados agroalimentarios de proximidade

Outras comunidades españolas xa abriron estes mercados, unha medida esgrimida tamén estes días por asociacións galegas de produtores para reclamar a apertura destes mercados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2020 | Actualizada ás 10:40

Comparte esta noticia

A Xunta permitirá que os concellos celebren mercados locais de produtos agroalimentarios de proximidade a partir do próximo luns, 4 de maio, aínda que "sempre baixo estritas condicións de seguridade".

Así o anunciou este xoves o conselleiro de Medio Rural, José González, que trasladou esta decisión durante a súa participación, por vía telemática, na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural xunto co ministro de Agricultura, Luís Planas, e os seus homólogos das diferentes comunidades autónomas.

O titular de Medio Rural explicou que o Goberno galego considera que a entrada, o vindeiro luns, na 'fase 0' do proceso de desescalada, posibilita a reapertura deste servizo "baixo unhas regras" que en Galicia están xa establecidas desde o 24 de marzo.

O conselleiro apoiou esta decisión no feito de que outras comunidades españolas xa abriron estes mercados, unha medida esgrimida tamén estes días por asociacións galegas de produtores para reclamar a apertura destes mercados.

José González asegurou que o Goberno galego solicitou esta medida "en varias ocasións" e que agora "entende que se dan as circunstancias para adoptala". Do mesmo xeito, destacou que tanto el como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclamaron que as actividades relacionadas co campo fosen das primeiras en retomarse o inicio da desescalada, o que fai necesario ir abrindo as canles de venda.

Neste sentido, o conselleiro lembrou a posta en marcha por parte da Xunta de Mercaproximidade, unha canle de venda de produtos agrarios, que debe completarse agora cos mercados locais mintas non se normalice a situación da hostalaría e a restauración, grandes consumidores deste sector.

Do mesmo xeito, José González reclamou este xoves tamén ao ministro a reapertura dos mercados de gando, unha medida que tamén esixe o sector para dar saída aos animais.

LEITE FORÁNEO

Noutra orde de cousas, o conselleiro aproveitou a videoconferencia para urxir ao ministro a que convoque a Comisión de Seguimento do Acordo Lácteo, co obxectivo de "buscar solucións que poñan fin á entrada de cisternas desde Francia e Portugal con leite de vaca e produtos lácteos a prezos por baixo dos custos de produción".

Como xa sinalou nunha carta a Luís Planas, o conselleiro apuntou que estes produtos que veñen de fóra "están a alterar o mercado interno e pondo en risco a viabilidade económica dos produtores galegos".

Na mesma liña, solicitou que se inste a lexislar á Comisión Europea para que cada operador da cadea alimentaria deba pagar ao inmediatamente anterior un prezo igual ou superior aos custos de produción. A maiores, reclamou intensificar a campaña de concienciación a favor do campo español, así como os controis para evitar que o leite de fóra se etiquete como nacional.

FONDOS PARA SANIDADE VEXETAL E ANIMAL

Nesta Conferencia Sectorial tamén se abordou a repartición de fondos, por parte do Estado para o correcto funcionamento de diferentes políticas das comunidades autónomas en materia agraria.

Neste contexto, José González destacou aqueles temas relacionados coa sanidade vexetal e animal, entre eles as achegas do Goberno central para a loita contra enfermidades como o nematodo do piñeiro, a polilla guatemalteca da pataca ou o psílido africano dos cítricos, entre outras.

Con todo, en relación con este campo, o titular de Medio Rural lamentou que as cantidades destinadas a Galicia "sexan insuficientes para poder seguir co mesmo nivel de intensidade os traballos que fai falta desenvolver no terreo da sanidade vexetal".

Outros ámbitos nos que Galicia si considera que está a recibir "un trato acorde coas súas necesidades" son as achegas do Goberno central para o fomento das razas autóctonas, o apoio á apicultura, o control do rendemento lácteo ou os programas de erradicación de enfermidades animais.

Mercado de Abastos Santiago
Mercado de Abastos Santiago | Fonte: Flirck

Temas: AGRICULTURA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta