A Xunta retira o seu apoio a un premio cultural porque non aparece o seu logo nun libro

A pesar do anuncio de Feijóo por activar o sector da cultura durante a pandemia, a Dirección Xeral de Políticas Cultuais suspende o seu apoio a este premio convocado polo Concello de Dodro.

Por Galicia Confidencial | Dodro | 04/05/2020 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciaba no último Consello da Xunta a posta en marcha do Plan de reactivación da cultura e o turismo, cun investimento de 27 millóns de euros e preto de 50 medidas específicas para fomentar o emprego, xerar liquidez e reactivar o consumo.

Así, subliñaba que para actuar cun plan de choque rápido e directo, estableceranse 9 bloques de execución que suporán, á súa vez, un investimento de 11 millóns na actividade turística; e de 10,6 millóns no sector cultural, reforzados, así mesmo, con 5,1 millóns de euros a través de medidas transversais enmarcadas no Xacobeo 2021.

Un anuncio de moitas cifras pero que choca frontalmente coa realidade. E é que a Dirección Xeral de Políticas Culturais acaba de cancelar a súa colaboración co Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, convocado polo concello de Dodro.

Segundo o concello, e tras confirmar un técnico de Cultura, que non había partidas económicas, o director xeral de políticas culturais, Anxo Manuel Lorenzo Suárez, confirmou  nunha conversa co concelleiro de Cultura, Xoán Xosé Vicente, que non colaborarían debido a que non aparece o logo da Xunta de Galicia no libro premiado na edición 2019, e que non había posibilidade de emenda.

Desde o concello informaron á Xunta de que en “ningunha” edición do libro gañador se acompañaba o logo da Xunta, “pero que si hai que facelo a partir deste ano estamos dispostos”. “Despois de mais de dous meses non hai contestación”, aseguran.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; e a vicerrecto de Comunicación, Mónica Valderrama, durante a firma do convenio
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; e a vicerrecto de Comunicación, Mónica Valderrama, durante a firma do convenio

"HUMILDES PERO CON HONRA"

“Dodro é un pobo humilde pero con honra e a Concellaría de Cultura e Patrimonio do Concello de Dodro está firmemente disposta a seguir co Premio Eusebio Lorenzo Baleirón aínda que a Xunta de Galicia, e neste caso a Dirección Xeral de Políticas Culturais, non colabore e apoie o premio de poesía máis sobranceiro e importante de Galicia como fixo nos últimos catro anos”, indican desde o municipio.

"Dende o Concello de Dodro vemos, por parte da Xunta de Galicia, unha forma de estrangular a iniciativa cultural dun goberno que non é da mesma cor política. Gobernan dende a  Xunta, non para o pobo senón para os que pensan igual que eles. Xa o vimos nos orzamentos deste ano onde para Dodro non hai un só euro de investimento e o pouco que podía haber no eido cultural, a Xunta corta de raíz, apunta Xoán Xosé Vicente en declaracións ao GC.

O PREMIO

O  Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón é hoxe un dos máis afamados e antigos de Galicia, conta cunha ampla participación ano tras ano, xa que aparte da dotación económica, supón para os gañadores o recoñecemento público e a publicación da súa obra. O Certame foi instituído polo Concello de Dodro no ano 1988 a petición de Avelino Abuin de Tembra, co obxectivo de “honrar á memoria do poeta Eusebio Lorenzo Baleirón natural deste municipio e prematuramente desaparecido e para contribuír á reafirmación da lírica galega tan importante na historia cultural de Galicia”. Desde esa data vense convocando tódolos anos de xeito interrompido.

Non é a primeira vez que a cultura e, especialmete, a literatura, poesía e teatro en Galicia teñen que subsistir grazas o empeño e o esforzo de concellos, pequenas entidades e fundacións. Precisamente, estes días deuse a coñecer a segunda edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, coa colaboración da  Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas, pero sen o apoio da Xunta.. O dramaturgo Raúl Dans foi o gañador e recibirá 7.000 euros de premio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Xa ningué quere lembrar a figura de Anxo Manuel Lorenzo Suárez (?) grande sociolingüísta que leva 11 anos chupando do bote do PP ? O gran defensor da "normalización" do galego? Cousas veredes !!!