Poderase conter a contaminación do aire máis alá do estado de alarma?

A contaminación do aire en Galicia cae un 61,5% durante os meses de marzo e abril. Ecoloxistas en Acción propoñen manter unha serie de boas prácticas para evitar un efecto rebote.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2020 | Actualizada ás 11:48

Comparte esta noticia

Desde a declaración do estado de alarma o pasado 14 de marzo produciuse unha redución drástica dos niveis de contaminación atmosférica por NO2 nas dúas principais cidades galegas - A Coruña e Vigo -, que viron caer a contaminación un 61,5 % de media respecto dos niveis de contaminación habituais nestas datas durante a última década. En concreto, o descenso foi maior en Vigo (64%) que na Coruña (59%).

Atasco baixo unha nube de contaminación
Atasco baixo unha nube de contaminación

Así o recolle o informe de Ecoloxistas en AcciónEfectos de la crisis de la COVID-19 en la calidad del aire urbano en España”, que conclúe que, na Coruña e Vigo, a redución drástica do tráfico se traduciu nun descenso dos niveis de contaminación. Este informe analiza os datos oficiais de dióxido de nitróxeno (NO2) recollidos nas estacións urbanas de medición da calidade do aire existentes nas cidades da Coruña (4) e Vigo (2) durante os meses de marzo e abril de 2020 e dos dez anos anteriores (1). Presenta, xa que logo, unha foto fixa da calidade do aire urbano antes e despois da declaración do estado de alarma e as medidas de confinamento.

MELLORA DA CALIDADE DO AIRE

Del despréndese que a mellora da calidade do aire en Galicia está a ser xeral, tanto nos centros das cidades como nas periferias urbanas, do mesmo xeito que son xerais as medidas de limitación da circulación adoptadas. Tampouco se detectan grandes diferenzas  entre as diversas prórrogas do estado de alarma, nas que se aplicaron restricións de diversa intensidade, aínda que a caída da contaminación foi algo superior na media do mes de abril (60 % na Coruña e 66% en Vigo) que na segunda quincena de marzo (57% na Coruña e 60% en Vigo).

Os niveis de NO2 rexistrados durante o estado de alarma son os máis baixos para os meses de marzo e abril en relación cos promediados na década 2010-2019 nas dúas cidades galegas. Mantéñense, ademais, moi por baixo do valor límite legal e a guía anual da Organización Mundial da Saúde (OMS), cando nas estacións de tráfico o devandito limiar é habitual que se supere nalgúns días.

No total das 26 cidades españolas de máis de 150.000 habitantes analizadas, as galegas encóntranse entre aquelas nas que se rexistraron maiores descensos. Vigo (64%) foi a sexta cidade onde máis caeu a contaminación, mentres A Coruña (59%) foi a undécima. Porén, dende Ecoloxistas en Acción avisan de que cómpre ter en conta que as redes de medición das cidades son moi dispares, polo que os seus datos non poden compararse con completo rigor. As precipitacións e a inestabilidade atmosférica tamén contribuíron a mellorar a calidade xeral do aire. De feito, estes factores adoitan rebaixar, en boa medida, os niveis de contaminación atmosférica nas cidades galegas.

COVID-19 E CONTAMINACIÓN

Nas nosas cidades resulta habitual que se superen os limiares máximos recomendados pola OMS. O dióxido de nitróxeno (NO2) é o contaminante típico emitido polos tubos de escape dos automóbiles (ademais de polas caldeiras industriais e domésticas), polo que a súa evolución está directamente vencellada ás emisións do tráfico motorizado. Trátase dun gas irritante que agrava as doenzas respiratorias e mingua a resistencia ás infeccións. Diversos estudos están a relacionar a mortalidade da enfermidade COVID-19 coa contaminación atmosférica.

"A crise da COVID-19 demostra que a redución estrutural do tráfico motorizado e as mudanzas nas pautas de mobilidade son a mellor ferramenta para rebaixarmos a contaminación do aire (e o ruído) nas cidades, aínda tendo en conta a excepcionalidade da situación extrema que estamos a vivir", afirman dende Ecoloxistas en Acción. "Isto confirma algo no que vimos insisitindo: que a redución do tráfico motorizado nas cidades ten claros efectos na diminución da contaminación, algo que á súa vez supón unha importante mellora da saúde pública. Ademais, contribúe á mitigación da crise climática polo descenso das emisións de dióxido de carbono (CO2) que tamén implica", engaden.

BOAS PRÁCTICAS DE CARA AO FUTURO

Con todo, a saída desta crise podería implicar o aumento da contaminación atmosférica e acústica por riba dos niveis precedentes. Por iso, para a desescalada en curso, Ecoloxistas en Acción propoñen manter boas prácticas como a compra de proximidade, o teletraballo voluntario, a administración electrónica ou o escalonamento de horarios laborais. De maneira inmediata, apostan por potenciar a mobilidade activa peonil e ciclista e por limitar a velocidade urbana en 30 quilómetros por hora.

Tamén "debe garantirse a viabilidade do transporte urbano cunha lei de financiamento e, unha vez superada a crise, debe acelerarse a implantación nas cidades de zonas de baixas emisións amplas e ambiciosas", rematan o comunicado. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Dende o sábado 2 ás 20 horas Vigo era unha festa ! Sen coches, todo dios colleu as bicis que tiñan nos rochos esquecidas e botouse ás rúas para mover as pernas... Dende Samil, pasando por Coia, Travesas, Gran Vía... todo estaba coma nunha postal dun mundo novo aínda por descobrir...! Realmente alguén debera facer unha reportaxe destes días (poucos supoño) nos que se lle pode dicir á xente que o coche está de máis, que non precisamos subir en coche para recorrer a cidade e disfrutar dela... (?) Pero supoño que máis dun 50% da poboación estará agardando detrás das pantallas da televisión escoitar a Pedro Sánchez dar a noticia do desconfinamento para comezar a pisar o pedal do embrague e sair a toda ostia cara a calquera parte...(?) Vigo estes días é unha festa, lástima que teñamos horarios reducidos para poder desfrutar dela !!!