A Xunta promete 1.258 camas novas en cinco días tras suprimir 900 en dez anos

Incluirá as camas dos centros privados, a dos hospitais de campaña e outras que non especifica para cumprir coa esixencia do Ministerio de Sanidade para avanzar nas etapas do desconfinamento.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/05/2020 | Actualizada ás 20:28

Comparte esta noticia

A Xunta comprometeu unha "expansión hospitalaria" de 1.258 camas novas que activaría nun prazo de cinco días para cumprir cos cocientes de recursos asistenciais para a atención de pacientes de Covid19 que marca o Ministerio de Sanidade para avanzar no proceso de saída do confinamento que arrincou este luns coa entrada das comunidades na fase '0'. Un anuncio que contrasta coas 900 camas que o Goberno pechou desde o 2009 ata o 2018 para aforrar en gasto sanitario, un feito que este mesmo luns criticaron duramente os membros da oposición.

Con este número de camas novas, o Sergas destaca que os recursos asistenciais de Galicia elévanse a 10.313 camas de hospitalización convencional (sumando centros públicos, privados e camas de nova creación), polo que entran na pinza que marca o Ministerio de Sanidade, que establece un mínimo de entre 37 e 40 camas para agudos por 10.000 habitantes para poder iniciar o proceso de desescalada.

Así, a Comunidade galega dispón de 8.149 camas en hospitais públicos e 906 en centros privados. A eles sumaríaselle estas 1.258 camas que, segundo a Xunta, estaría dispoñibles nun prazo máximo de cinco días en caso de ser necesario. Preto de 400 destas camas sairían dos dous hospitais de campaña anunciados, pero quedarían 800 aínda sen concretar. Deste xeito, o cociente de camas por cada 10.000 habitantes da sanidade galega situaríase en 38,2.

En canto aos recursos en coidados intensivos, Galicia cumpre cos requisitos marcados polo Goberno ao dispor de 2,55 camas de UCI por 10.000 habitantes, mentres que o mínimo marcado pola Administración central na súa orde do pasado 3 de maio é de 1,5 camas de UCI por cada 10.000 habitantes.

HOSPITAIS DE CAMPAÑA

A finais do pasado mes de marzo, o Executivo autonómico iniciou os traballos para levantar hospitais de campaña nas cidades da Coruña e Santiago que, finalmente, non foi preciso activar ante a evolución da epidemia en Galicia.

O máis avanzado foi o proxectado na cidade herculina, que se situaría en Expocoruña e que tería capacidade para 240 camas; mentres que o da capital galega pensouse para o Multiusos Fontes do Sar cuns recursos de entre 100 e 150 camas. A Administración autonómica tamén pensou no recinto de Ifevi, en Vigo, aínda que non chegou a concretarse.

Foi o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen, o pasado 15 de abril e tras dar por superada a fase "aguda" da epidemia, anunciou que "afortunadamente" non sería necesario activar estes centros de atención provisionais ante a evolución do virus.

Hospital de campaña da Coruña para atender casos de coronavirus. HOSPITAL DA CORUÑA
Hospital de campaña da Coruña para atender casos de coronavirus. HOSPITAL DA CORUÑA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta