Como está sendo o impacto psicolóxico do confinamento nos universitarios?

A Facultade de Psciloxía da USC impulsa unha enquisa que axudará a comprender os desafíos psicolóxicos e sociais aos que se enfronta este colectivo da poboación.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/05/2020 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

Os  grupos de investigación Procesos Cognitivos e Conduta e Underisk da Facultade de Psicoloxía da USC botan a andar o proxecto ConVIDa-20, un estudo en liña sobre os efectos psicolóxicos e sociais que está a provocar a COVID-19 en estudantes de universidade. O obxectivo desta nova liña de traballo, segundo informa a USC nun comunicado, “pasa por recrutar unha gran mostra de participantes para axudar a comprender os efectos do coronavirus e as medidas de distanciamento social na súa saúde e benestar”.

O brote de coronavirus está a causar desafíos excepcionais a escala mundial tanto para a saúde humana como para o funcionamento da sociedade. “No seo das universidades, coas aulas confinadas en ordenadores, tabletas e dispositivos móbiles, abriuse un escenario complexo para o normal desenvolvemento da vida académica. En particular, a poboación universitaria enfróntase a cambios vertixinosos e adaptacións continuas cuxo impacto psicolóxico é, actualmente, descoñecido”, recolle.

Esta investigación, subliñan os seus promotores, axudará a comprender os desafíos psicolóxicos e sociais aos que se enfronta o alumnado universitario durante o confinamento, ademais de posibles experiencias positivas e aprendizaxes inesperadas pero, sobre todo, os factores que poden protexer contra os efectos negativos na saúde mental.

O estudo ConVIDa-20 está aberto a todas as persoas que cursen estudos universitarios de calquera nivel ou titulación principalmente no Sistema Universitario de Galicia. A participación implica responder, ben en galego  ben en español, unha enquisa en liña de 20-25 minutos que, de forma anónima, aborda aspectos relacionados co benestar físico e psicolóxico, así como coas condicións de vida persoais e académicas durante o confinamento. A información proporcionada é completamente confidencial e será tratada para fins exclusivos de investigación.

Mozo cun portátil
Mozo cun portátil | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta