Temas: PERRUQUERíA

Nova guía medidas de hixiene e seguridade para o reinicio da actividade de barbarías

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, que mantivo este martes unha reunión por videoconferencia con representantes deste sector para abordar conxuntamente o reinicio de actividade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2020 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

A Xunta reuniu e puxo a disposición do sector unha guía con recomendacións específicas de medidas de hixiene e seguridade para a volta á actividade das barbarías, iniciada este luns.

Así o trasladou o conselleiro de Economía, Francisco Conde, que mantivo este martes unha reunión por videoconferencia con representantes deste sector para abordar conxuntamente o reinicio de actividade.

A guía, explicou, recolle medidas a ter en conta antes da reapertura, como elaborar un plan de limpeza e desinfección dos locais, establecer protocolos para evitar o contaxio no caso de que xurdan síntomas estando no traballo, ou preparar quendas de rotación entre o persoal para garantir a continuidade en caso de contaxio.

Así, recoméndase identificar as persoas sensibles, non acudir en caso de febre ou síntomas respiratorios e, para os desprazamentos, empregar un medio de transporte individual. No relativo ás medidas para garantir a distancia de seguridade de dous metros, a guía especifica que, cando non sexa posible, será necesario o uso de máscaras.

Ademais, contempla a adaptación de horarios e quendas para evitar aglomeracións de persoal, insta a reorganizar as áreas de traballo deixando un posto baleiro entre clientes nas zonas de tocadores e lavacabezas e aposta por valorar se se poden manter as zonas de espera e instalar pantallas de separación ou sinalizar no chan advertencias para que se respecten as distancias.

MEDIDAS DE HIXIENE

Outro dos apartados deste texto corresponde ás medidas de hixiene. Ademais de lavar as mans con frecuencia e tusir ou espirrar nun pano dun só uso ou no cóbado, a guía recolle recomendacións específicas para o sector. Entre elas, que cada estilista teña o seu propio material de traballo desinfectado, que non poderá compartir, do mesmo xeito que non se poderán compartir os produtos empregados salvo que estean higienizados.

Tamén se indica que é mellor non usar bandoleira para portar as ferramentas, e utilizar sempre roupa de traballo e calzado específico que non levará fóra do local e que terá que ser trasladado nunha bolsa pechada para lavar con auga quente (entre 60 e 90 graos).

Sobre a limpeza do establecemento, recoméndase que se ventile regularmente e que se aumente a frecuencia da limpeza dos espazos de traballo e das superficies que máis se tocan. Tamén, na medida do posible, que se empreguen elementos desechables e que, aqueles que se reutilicen, sexan depositados despois de atender a cada cliente nun colector con tapa, pedal e bolsa para o seu lavado.

HORARIOS PREFERENTES PARA MAIORES

En canto ás medidas organizativas, a guía apunta a necesidade de asegurar a dispoñibilidade de produtos para a hixiene de mans e para a limpeza. Tamén, garantir a subministración de material de protección entre os traballadores, pór á disposición dos clientes xel hidroalcohólico, especialmente no acceso, ofrecer só auga, preferiblemente en botellas individuais, e retirar todas as revistas, tablets e catálogos de información, para evitar a súa manipulación.

Ademais, anímase a fomentar o pago por medios electrónicos e, se non é posible, ter un recipiente para depositar o diñeiro, evitar a utilización de papel para a xestión da axenda, por exemplo, e fixar horarios de atención preferente para as persoas maiores de 65 anos.

Fotos Xunta Economia Asemaco. Xunta de Galicia
Fotos Xunta Economia Asemaco. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Temas: PERRUQUERíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta