Sanxenxo dividirá a Praia de Silgar en 780 cuadrículas delimitadas por estacas

O alcalde presentou un plan para "garantir a máxima seguridade sanitaria" e respectar as distancias que recomendan os expertos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2020 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, presentou un plan de ordenación da praia de Silgar en 780 cuadrículas para "garantir a máxima seguridade sanitaria" e respectar as distancias que recomendan os expertos en aras de previr a propagación do coronavirus.

A solución proposta polo goberno local dun dos concellos máis turísticos de Galicia consiste en dividir a praia en cinco sectores que contasen con persoal para facilitar aos usuarios a súa localización.

A praia de Silgar terá así 780 cuadrículas para un aforamento que pode oscilar entre as 1.560 e as 2.340 persoas, o que significa entre un 50 e un 75% do aforamento respecto de veráns anteriores.

Cada sector terá unha cor diferente e estará formado por centos de cuadrículas de 9 metros cadrados (tres por tres metros), "que en función do número de persoas se poderán ampliar" mediante a agregación de ata catro cuadrículas máis, explicou o alcalde. As cuadrículas estarán delimitadas por estacas de madeira cravadas na area e unidas entre si por unhas cordas.

A nova ordenación da praia reserva dúas franxas lonxitudinais para albergar usos e servizos. Así, disporase dunha franxa entre o mar e a primeira liña de cuadrículas que será unha zona de paseo e xogos para nenos. Terá un mínimo de sete metros de ancho na pleamar, superando os 30 metros coa marea baixa.

Na zona traseira, entre a última liña de cuadrículas e o muro do Paseo de Silgar, resérvase unha franxa de oito metros para distintos servizos como baños, módulo de salvamento e zona recreativa.

A praia disporá de catro accesos perpendiculares de seis metros de ancho que irán desde o muro ata a primeira liña de praia. Cada dúas liñas de cuadrículas haberá corredores paralelos de 3 metros de ancho para facilitar a entrada e saída de bañistas. Cada cuadrícula separarase das contiguas por un espazo de 1,5 metros polo que en ningún caso poderase transitar.

Praia de Silgar, en Sanxenxo
Praia de Silgar, en Sanxenxo | Fonte: Minube

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta