Xacobeo, Sanxenxo, festivais de verán... Acabará a COVID-19 co modelo de turismo masificado?

A Covid-19 esixe reformular modelos. Tamén no sector turístico, que cos "ingresos a cero", debe readaptarse para superar esta crise sanitaria, social e económica. Agora que fuximos máis ca nunca das aglomeracións, as miradas póusanse sobre un turismo máis sostible e respectuoso co territorio. Mais, que tan profundo pode ser este cambio?

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Espéranos un verán inaudito. As restriccións de mobilidade derivadas da crise sanitaria estenderanse, se todo segue segundo o previsto, ata finais de xuño. Incluso máis alá dese mes, e segundo indica o Goberno estatal, non todas as fronteiras estarán abertas e os controis sanitarios manteranse en moitas delas. Para un sector coma o turístico que vive, precisamente, da mobilidade de persoas, esta pandemia supón a paralización da actividade tal cal viña concibíndose ata este momento. 

Cooperativa Amarelas
Cooperativa Amarelas

Custa imaxinar que dentro dun mes as praias se convertan en formigueiros de xente ou que Compostela non poida nin sequera camiñarse polo balbordo de turistas. As previsións indican que as ocupacións rondarán o 10%. 15% tirando de optimismo. O custo será fondo para este sector que supón tamén o 10% da economía galega: "Estamos nun momento moi crítico, cos ingresos a cero", fala Rosa Dorado, guía turístico en GenuineGalicia. Cómpre ver como evoluciona a pandemia, como convivirá con nós este virus, e cal será o impacto psicolóxico na sociedade. Tamén entrará en xogo a capacidade económica dos posibles turistas. "Tocará priorizar gastos, polo que a accesibilidade ás actividades de ocio variará, así como tamén o perfil da persoa turista", auguran dende a cooperativa de turismo e lecer Amarelas.

Para as súas socias, Cristina González e Erea Viz, que apostan por un turismo sostible fóra dos fluxos de mobilidade habituais, este é "tempo de adaptación, formación e innovación". Coa Semana Santa, xuño e xullo perdidos, e agosto e setembro como última esperanza "para facer algo se é que non hai rebrote", Rosa Dorado tamén define este contexto como o momento para "repensar as formas de chegar ao cliente". Voces do eido falan de que este parón pode ser a oportunidade para revisar o modelo de turismo masificado que reborda as cidades.

A necesidade dun cambio é un debate que se pon enriba da mesa todos os veráns, mais será esta crise quen acelere a aposta por outro tipo de turismo?

O TURISTA POST-PANDEMIA

Se ben a Xunta de Galicia mantén a súa aposta no Xacobeo e ve o Camiño como o "motor da recuperación económica tras a crise sanitaria", dende o Goberno local de Santiago de Compostela buscan situar a cidade como destino "seguro, familiar e de congresos". De feito, o concelleiro responsable do ramo, Sindo Guinarte, anunciou un plan de recuperación encamiñado "ás viaxes familiares" e non en grandes grupos; co ecoturismo e os recursos verdes como elementos de captación.

Turismo de natureza en Catoira
Turismo de natureza en Catoira | Fonte: Cooperativa Amarelas

O que está claro é que coas fronteiras pechadas e as limitacións das viaxes, o turista será de proximidade. "Galego a maioría, aínda que é posible que fagan algunha escapada desde León, Zamora e Portugal". Rosa Dorado augura que nos moveremos nese círculo xeográfico e que fuxiremos das "grandes cidades e das zonas aglomeradas ou sen garantías sanitarias": "É máis fácil que veña un turista a Ourense que a Toledo", exemplifica. Os aforos limitados estarán á orde do día e as "certificacións de seguridade" tamén guiarán os nosos destinos.

Esa teima por escapar das masificacións redirixe as miradas cara os modelos de turismo rural, ecoturismo, turismo comunitario... "Os seus papeis van ser moi relevantes á hora de enfrontar esta crise", falan dende Amarelas. "Entendemos que a planificación turística, e máis na actualidade, debe tecer redes de cooperación que fortalezan o tecido económico e social das comunidades e destinos". Por iso, estes modelos "permitirán que as empresas sexan máis resilientes e as prácticas turísticas máis responsables".

O IMPULSO DAS CASAS RURAIS

As casas de turismo rural atópanse, de igual forma que o resto dos axentes, "á expectativa" da evolución da pandemia a nivel sanitario e a nivel económico e social. Se ben teñen permitida a súa reapertura a partir da fase 1, que nun principio dá comezo o 11 de maio, moitas delas consideran que ata que non se abra a circulación entre provincias non poderán permitirse retormar a actividade. Marcos Pérez, xerente da casa rural O Trisquel, na Veiga (Ourense), fala de que a súa intención é non abrir ata o próximo mes.

Agora ben, reservas de clientes non paran de chegar. "Estamos tendo un montón de peticións para xuño". De feito, o último fin de semana dese mes xa o teñen ao completo. A meirande parte destas peticións son de persoas que xa coñecían O Trisquel e que repiten a experiencia un ano máis. "Neste momento, cústame pensar que un cliente novo de Barcelona estea buscando unha casa en Galicia, pero como aquí a incidencia é menor, non descarto que poida haber unha afluencia maior por esa teima de escapar da masificación", relata Marcos Pérez. As casas de turismo rural son pequenas, están máis illadas e non xeran aglomeracións, cuestións que de aquí en diante se terán moi en conta á hora de organizar as vacacións. 

CAMBIARÁ O MODELO?

"Poida que nun primeiro momento si", vaticina Pérez. "Pero sendo pragmático e realista, cando haxa vacina, dubido que non volvamos ver un turismo masificado e de costa, o mal chamado de sol e praia. Iso sería como pensar que o ser humano é fantástico, nunca falla e non volve cometer os mesmos erros unha e outra vez", engade. A "industria turística" move unha parte moi importante da economía e dela dependen moitos postos de traballo, de maneira que a aposta social por un turismo máis sostible e respectuoso co medio ambiente, "por desgraza", pode producirse só "a curto e a medio prazo", pensa Pérez. Dependerá tamén da supervivencia das aeroliñas e dos tratamentos contra a Covid-19 nos próximos meses. 

Dende Amarelas cren que esta pode ser unha oportunidade para pensar nun "modelo de tránsito" que permita cambiar a promoción turística. Xa que "imaxinar as praias cheas de pantallas de metacrilato resulta terrible!", nesta cooperativa auguran que as medidas de seguridade futuras poden implicar unha "aproximación a prácticas máis amables co entorno, especialmente en canto a presión sobre os territorios". Con todo, tamén se expresan escépticas respecto dun cambio de modelo máis alá deste tempo: "Escoller modelos máis responsables supón un cambio moi profundo nos hábitos da xente; e cremos que falta moito para que as persoas entendamos, por exemplo, que unha viaxe transnacional supón un luxo a nivel medioambiental".

O cambio dependerá "de cada un de nós" ao facermos un uso responsable do consumo de lecer e, logo, "sentíndose parte desa conciencia colectiva e informada" dos impactos do turismo sobre o territorio. Amarelas asegura que estamos "na antesala" de procesos innovadores para mitigar eses impactos dos movementos das persoas. Non se pode tampouco pasar por alto a dixitalización dos destinos, mesmo antes da Covid-19. Cada vez é máis común facer visitas dixitais a diferentes recursos turísticos e desfrutar de experienciais virtuais. É o que se coñece como Destinos Intelixentes, unha práctica que "xa viña dando resposta á problemática do cambio climático e que é probable que si se manteña a longo prazo".

"Hai cousas que viñeron para quedar", fala agora Rosa Dorado. "A sociedade dinos que hai que ralentizar un pouquiño". Quizais cambien os nosos destinos ou entren en xogo outras preocupacións que antes pasaban desapercibidas. Mais, podería isto provocar un desprazamento da masificación duns lugares a outros que non están preparados para grandes afluencias? Marcos Perez contesta que non. "Pode aumentar a ocupación pero non se pode masificar". Para el, a clave está no plan que se deseñe. "Se nun sitio masificado se deixaran de construír máis hospedaches, os que están subirían a ocupación, nun futuro nacerían outro tipo de negocios colaterais e todo funcionaría moito mellor".

O tempo dirá que acontece. Remodelar unha industria pesada coma o turismo semellan palabras maiores, pero, ao fin e ao cabo, só de nós parte a decisión de como viaxamos e do que queremos que impliquen os nosos movementos.

Turistas collendo o barco a Cíes
Turistas collendo o barco a Cíes | Fonte: © Miguel Núñez.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Realpolitik

Se a covid-19 supón o fracaso do Xacobeo dou a corentena por ben pasada. Menos pan, circo e telegaita e máis servizos públicos e de calidade. A propaganda nacionalcatólica españoleira que a pague o dos Peares e os seus amigos narcos...