Indicador da crise: a produción industrial galega caeu un 5,4% en marzo

O dato, con todo, é case a metade da caída media en España, do 10,2%.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2020 | Actualizada ás 13:09

Comparte esta noticia

A produción industrial galega caeu un 5,4% en marzo en comparación co mesmo mes de 2019, segundo os datos que publica este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE). Este retroceso é menor que o caída media que se produce en España (-10,2%).

Produción industrial en Galicia en marzo de 2020
Produción industrial en Galicia en marzo de 2020 | Fonte: Europa Press

Murcia é a única comunidade que rexistra datos positivos nun mes de retroceso xeneralizado debido ao impacto da crise do coronavirus. Despois están Estremadura (-1,1%), Canarias (-1,4%), Castela-A Mancha (-4,9%) e Galicia (-5,4%). No outro extremo, atópase o descenso do 16% de Castela e León.

No caso galego, non se producía unha baixada tan elevada desde agosto de 2019. En España, levaba tres anos sen unha diminución tan acusada.

Con todo, no acumulado do ano —entre xaneiro e marzo— Galicia está en datos positivos de produción industrial por unha décima (+0,1%), o que contrasta coa baixada do 5% no Estado. O dato de marzo rompe con catro ascensos interanuais consecutivos na industria galega.

Corrixida de efectos estacionais e de calendario, a produción industrial afundiuse un 12,2% interanual en marzo en España, a súa maior caída desde setembro de 2009, cando rexistrou unha diminución do 13%.

IMPACTO DA CRISE

A entrada en vigor do estado de alarma provocou que moitas empresas pechasen a mediados de marzo ou reducisen a intensidade da súa produción. A recollida de datos para esta estatística desenvolveuse en abril, momento no que algúns establecementos estaban pechados, o que levou ao INE a contactar por correo electrónico e por teléfono, de forma similar aos meses anteriores.

A taxa de resposta dos informantes aos datos desta enquisa superou o 80%, polo que Estatística considera que a calidade dos indicadores de marzo é similar á de calquera outro mes tanto nos datos nacionais como nos das comunidades autónomas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta