A oposición carga contra Feijóo por "pensar máis nas eleccións" que "en salvar vidas"

Gonzalo Caballero cre que se convoca os comicios "será o único galego máis preocupado en eleccións" que na pandemia. Gómez-Reino censura a "irresponsabilidade" de Feijóo por buscar eleccións nun momento de "salvar vidas"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2020 | Actualizada ás 13:26

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou que se o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quere "forzar" e ir a uns comicios autonómicos en Galicia "será o único galego que nestes momentos está máis preocupado nas eleccións que na loita contra a pandemia e a crise".

Urna eletoral
Urna eletoral | Fonte: Europa Press.

Caballero volveu considerar que se o máximo mandatario ten unha "estratexia electoral oculta" debe dala a coñecer. "Quero dicirlle a Feijóo que respecte os acordos e que respecte a prioridade da loita contra o virus", manifestou.

Na súa intervención, o socialista lembrou que foi un acordo entre as principais forzas políticas o que permitiu suspender os comicios do 5 de abril —en pleno pico da pandemia—, un pacto que posibilitou que Feijóo siga sendo presidente "en condicións interinas" e "en plenitude de funcións".

Ese acordo, que segundo indicou, di que se debe de esperar a que termine o estado de alarma e a emerxencia sanitaria para as eleccións, é o que está "vixente hoxe en Galicia" e "publicado no Diario Oficial de Galicia coa firma do presidente".

"Toda evidencia empírica demostra que cando un gobernante tenta manipular unilateralmente o calendario electoral de forma basta reflicte a súa preocupación polo resultado e acaba perdendo as eleccións", engadiu.

Fronte a iso, asegurou que os socialistas "non están en clave electoral". "Nin tan sequera o PSdeG está a exporse en clave partidista se o mellor momento para esta forza política é unha semana ou outra semana", argumentou Caballero, que asegura que o que lles preocupa é a "loita contra a pandemia".

Por iso, avogou por buscar, unha vez pasado o estado de alarma, a mellor data para os comicios, unha cita coas urnas que pide que sexa "consensuada" entre as forzas políticas para que a "cidadanía poida votar en condicións de máxima seguridade posible".

"A día de hoxe, Feijóo non trasladou ás forzas políticas ningunha información, ningunha opinión, ningún plan dentro da súa desescalada para o proceso electoral", asegurou Gonzalo Caballero, que cre que o titular da Xunta tenta "xerar un caldo de cultivo" para despois "tomar decisións" que estarían "á marxe do acordo que lle posibilitou seguir sendo presidente".

"Pido sentido común e consensos, que celebremos as eleccións no momento no que se poidan celebrar coa maior normalidade", apuntou.

Ademais, acusou o presidente de estar "ausente" da xestión da crise sanitaria e centrado na "propaganda política", "omnipresente nos medios públicos para establecer un relato falaz e mentireiro".

"Non está á altura das circunstancias", considerou o socialista, que lle pediu que "rectifique" e "abandone a estratexia de confrontación" co Goberno central para empezar a mobilizar os recursos da Xunta para enfrontar a pandemia.

Para Gonzalo Caballero o discurso do líder do PPdeG está "baleiro". "Todo o que lle pide a Pedro Sánchez non o cumpre en Galicia. Pide máis información e aquí oculta a información sobre o que ocorre nas residencias e en cada un dos concellos. Pide colaboración e aquí evita calquera mecanismo de colaboración", censurou.

GÓMEZ-REINO

O portavoz de Galicia en Común-Anova-Mareas, Antón Gómez-Reino, considerou "absolutamente irresponsable" a actitude do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa comparecencia parlamentaria, metendo ao país "nun proceso electoral", pensando en clave partidista a pesar de ser o momento de "salvar vidas" e actuar "de forma transparente".

"A día de hoxe non coñecemos a proposta de desescalada da Xunta", advertiu, do mesmo xeito que os datos necesarios sobre a situación que ten que facer públicos a Administración galega. "Galicia está nunha situación sanitaria e epidemiolóxica aínda complicada e temos que ter moitísima atención. Non entendemos as présas que ten o señor Feijóo", censurou.

Neste sentido, advertiu de que hai datos que están a indicar que a situación "continúa sen ser todo o oportuna" do desexado, e que todos os galegos teñen a "vontade" de rotomar as súas vidas e "reactivar" as súas vidas.

"Pero hai que ser especialmente coidadosos neste momento", matizou, no que expertos coinciden en que é "o máis difícil da pandemia", polo "enorme risco" que se corre como sociedade dunha posible recaída.

É por iso que a Xunta "ten que ser transparente" e facilitar "todos os datos" da epidemia, tanto no ámbito sanitario como "o que pasou e está a pasar nas residencias" para, a partir de aí, "traballar de forma coordinada co resto de administracións".

"O que non pode ser é que o señor Feijóo utilice a Administración galega para facer electoralismo. Electoralismo e Galicia e electoralismo en Madrid".

En contraposición insistiu na importancia de que "se acabe coa situación de recortes, austeridade e de precarización" na sanidade e nos servizos públicos, onde se seguen mantendo profesionais nunha situación de temporalidade, con contratos diarios ou semanais.

Ao mesmo tempo, insistiu en que o persoal de atención primaria está a sufrir unha "sobrecarga inxustificada" polo estudo epidemiolóxico da Xunta que, segundo diferentes profesionais, "non está a ser para nada efectivo" e esta resultando "ineficiente".

"Ten que haber un amplísimo pacto para consolidar todas estas prazas de persoal eventual", apostou, posto que o investimento da Xunta "non pode seguir descendendo" e "recortándose ano a ano", senón fortalecéndose "con recursos e orzamentos", tamén no sector da investigación.

Gómez-Reino lembrou, así, o documento de bases avanzado hai uns días a través de que piden "un pacto por Galicia", baseado no reforzo do sector público, o "compromiso pola modernización do modelo produtivo, o fortalecemento dos coidados, a "mellora do sistema fiscal e da repartición de fondos e por potenciar a posición de Galicia ante o Estado e as institucións europeas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta