O PSdeG insta a Feijóo a "non xogar coa saúde dos galegos" e apoiar o estado de alarma

Gonzalo Caballero considera que "o estado de alarma é o mellor mecanismo para unha saída prudente".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2020 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a rectificar a súa postura de rexeitamento á prórroga do estado de alarma ao considerar que "é o mellor mecanismo para unha saída prudente e razoable cara á nova normalidade".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero | Fonte: PSdeG.

Nunha comparecencia telemática na que criticou a postura do Partido Popular sobre esta figura, o socialista instou ao titular da Xunta a "estar á altura" do momento que se vive. "Esperamos que todas as institucións sexan capaces de xestionar coa maior dilixencia e celeridade pero temos claro que o estado de alarma é un mecanismo necesario para garantir que a fase de desescalada poida ter garantías para a saúde", apuntou.

Neste punto, indicou que a existencia dun "mando único" dá "seguridade" á cidadanía porque pode limitar a mobilidade dos cidadáns ante un posible rebrote. "Non haberá recuperación nin volta á normalidade se non se adoptan todos os mecanismos que poidan evitar un rebrote", subliñou.

Gonzalo Caballero considerou que hai que avanzar en todas as fases de "forma prudente" e que o estado de alarma é o mecanismo que así o permite.

FASE UN DA DESESCALADA

E é que preguntado pola posible entrada de Galicia na fase un da desescalada o vindeiro luns e as peticións da Xunta para este proceso, Gonzalo Caballero recoñeceu que a "todos" lles gustaría "ter a máxima mobilidade" pero subliñou a necesidade de que o mando único e os expertos establezan os criterios.

"Eu o que percibo é que a cidadanía segue estando moi preocupada e chamamos á corresponsabilidade de todos", manifestou Caballero, que considerou que "na medida na que as fases se poidan ir dando, estas daranse". "O peor escenario sería correr moito", avisou.

"A todos gustaríanos movernos pero á vez hai que ser sensato, e Feijóo debería ser sensato e non xogar coa saúde dos galegos cando se opón ao estado de alarma ou fai propostas que non teñen o apoio do comité clínico", apuntou para insistir en que o seu rexeitamento a esta figura responde a unha "posición persoal e política".

MODELO "PRECARIO" DA SANIDADE

Preguntado polas críticas de profesionais sanitarios á situación laboral no Sergas, Gonzalo Caballero asegurou que o modelo do PP para a sanidade "é un modelo de emprego precario" que afecta "o conxunto do persoal".

"Ao Partido Popular non lle gusta a sanidade pública", subliñou Gonzalo Caballero, que acusou Núñez Feijóo de recortar " en sanidade pública nos últimos anos de forma constante".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta