Estas son as obrigas e recomendacións para usar o transporte a partir do 11 de maio

O transporte de titularidade autonómica reactívase a partir do luns co aforamento dos buses á metade. Ademais do transporte por estrada, tamén afecta as embarcacións que unen portos e localidades.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/05/2020 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

O transporte público de titularidade autonómica reactívase a partir do próximo luns cunha serie de medidas orientadas a preservar a saúde de usuarios e traballadores, como o uso obrigatorio de máscaras, a recomendación de empregar luvas e pago con cartón en autobuses que circularán coa metade do seu aforamento e con pasaxeiros separados para evitar contaxios.

Autobuses da empresa Monbus
Autobuses da empresa Monbus | Fonte: Europa Press

Este venres, o Diario Oficial de Galicia publica a orde da Consellería de Infrestruturas e Mobilidade que regula a continuación dos servizos de transporte público que dependen da Xunta e que se desenvolven integramente no territorio galego. Tamén inclúe aos servizos de transporte marítimo entre portos ou puntos da Comunidade galega.

Así, as medidas que establece a orde empezarán a porse en práctica a partir do próximo luns 11 de maio e afectan tanto os traballadores dos servizos como aos usuarios. Ademais, tamén marca unha serie de pautas para a desinfección dos vehículos, embarcacións, paradas e estacións, así como á disposición de elementos de sinalización nos que figuarán as prohibicións, obrigas e recomendacións en materia de hixiene.

Deste xeito, en virtude da orde do Goberno central, o uso de máscara será obrigatorio para condutores e viaxeiros, aos que se recomenda que empreguen luvas nos traxectos. Os vehículos e embarcacións verán limitado o seu aforamento á metade e instalaranse dispensadores de xel hidroalcóholico cuxo uso será obrigatorio antes e despois de realizar pagos en metálico. Con todo, recomendan empregar a Tarxeta de Transporte Metropolitano de Galicia para efecutar os pagos ou medios similares que eviten o contacto físico co condutor.

Ademais de limitar o aforamento á metade, os pasaxeiros deberán disporse no vehículo ou embarcación de modo que non se ocupe máis dun asento por fila nin asentos contiguos. A orde establece como excepción as familias ou persoas que convivan xuntas. Así mesmo, a primeira fila detrás do condutor deberá permanecer baleira.

OFERTA DE SERVIZOS

Así as cousas, a oferta de servizos de transporte interurbano dentro da mesma unidade territorial será dun mínimo do 80 por cento en horas punta, entre as 06,00 e as 09,30 horas e entre as 13,00 e as 16,00 horas en días laborables. A oferta durante o resto do día será dun 50 por cento.

No caso de servizos de transporte que desenvolvan a súa actividade entre dúas unidades territoritales diferentes, a oferta de servizos quedará reducida a un mínimo do 50%, segundo sinala a Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta