A Xunta insiste en pedir a mobilidade por toda Galicia a pesar das reticencias do Goberno central

Feijóo está convencido de que se pode pasar á fase unha e di que se hai rebrotes "se pode pechar un concello, unha comarca ou unha área de saúde".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2020 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reafirmouse este venres na súa petición ao Goberno central de abrir a mobilidade entre o catro provincias de Galicia durante a desescalada, pero confesou que "non é moi optimista" con que o Goberno central o vaia a aceptar.

Nunha rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Executivo, o mandatario galego asegurou que a proposta remitida ao Ministerio para iniciar a fase 1 é "moi clara": "A efectos de mobilidade, o territorio debe ser único na Comunidade e, a efectos de rebrotes, debe haber a posibilidade de pechar un concello, unha comarca ou unha área de saúde".

Ademais, reiterou a súa postura de que a desescalada se realice por áreas sanitarias. "Imos ver se o Goberno acepta a nosa proposta, pero dáme a sensación de que o Goberno está moi contundente coa provincia, o cal desde o punte de vista sanitario non ten ningún apoio", aseverou.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa.. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa.. XUNTA | Fonte: Europa Press

En palabras de Feijóo, este criterio do Executivo estatal débese a que, coas provincias, pode controlar de forma "máis fácil" os movementos. Aínda que dixo "comprender" este motivo, diferenciou que "unha cousa é o fácil e outra cousa é o útil".

"CUMPRIMOS OS CRITERIOS"

Así mesmo, dixo que espera esta tarde ter a "confirmación" do Goberno de Pedro Sánchez, como "mando único", para saber se Galicia "na súa totalidade" pode iniciar a fase 1 da desescalada, tal e como solicitou o mércores Sanidade.

"Entendemos que si, que cumprimos os criterios que establece o Ministerio", asegurou Feijóo este venres, a horas da comparecencia de Salvador Illa para desvelar que territorios entran ou non na nova etapa do desconfinamento.

Así, o presidente da Xunta garantiu que Galicia cumpre tanto os criterios coñecidos e "regulados" como os que "non coñece". "Entendemos que Galicia está preparada para pasar en todas as súas provincias e en todas as súas áreas sanitarias", subliñou.

E é que, tal e como reivindicou, a autonomía "nunca tivo unha presión asistencial" coma outras, o que vinculou a que o seu Goberno investiu "moitísimo en hospitais", polo que o Sergas tivo "unha maior capacidade de resposta desde o punto de vista sanitario".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta