A oposición insta a Baltar a acatar o novo "pau" xudicial e anular o concurso de persoal da Deputación

Os socialistas van máis aló e volven pedir a súa dimisión ante o que consideran unha "evidente trama de enchufes masivos do baltarismo".

Por E.P. | Ourense | 08/05/2020 | Actualizada ás 18:13

Comparte esta noticia

Os grupos da oposición pediron ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que execute o fallo xudicial do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que ratifica a anulación dun concurso interno de persoal de 2016 que contemplaba a ocupación de 69 postos de traballo.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar | Fonte: Deputación.

En concreto, o fallo coñecido o xoves esgota a vía dos recursos, xa que en abril do pasado ano o Tribunal Supremo decretou a inadmisión doutro presentado pola Deputación contra outra sentenza do TSXG que tamén ratificaba o ditado en primeira instancia por un xulgado de Ourense ao considerar que o concurso vulneraba os principios de igualdade e non discriminación.

Tras coñecer este fallo, os distintos grupos da oposición coincidiron en esixir que o presidente da Deputación proceda á súa execución. Con todo, os socialistas van máis aló e volven pedir a dimisión de Baltar ante o que consideran unha "evidente trama de enchufes masivos do baltarismo" con "feitos graves que transgreden principios constitucionais de igualdade e mérito".

"Manuel Baltar herdou a Deputación do seu pai e tamén as prácticas ilegais para aproveitarse da institución", manifestou o portavoz do PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, quen emprazou ao presidente da deputación a asumir do seu "peto" os custos da contenda xudicial para "colocar a dedo aos seus amigos".

Ademais, referiuse a este asunto o xefe de filas do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a "ser contundente" ante o que considera "un proceso de corrupción constatado" por parte de Baltar, ao que ve responsable dunha "estrutura caciquil" no PP de Ourense.

"Ese caciquismo hai que limpalo", reclamou Gonzalo Caballero, que sostivo que o PP de Feijóo só goberna nunha deputación na que o "baltarismo utilizou uns contratos irregulares para manterse no PP". "Trátase dunha corrupción de forma institucionalizada e Feijóo debería desmarcarse", manifestou o socialista, que tamén considera que o líder do PPdeG "sen os votos do caciquismo" de Baltar non tería ningunha posibilidade de estar no goberno".

POSTURA DO BNG

Pola súa banda, o portavoz dos nacionalistas, Bernardo Varela, enmarcou esta sentenza no "escurantismo" que, ao seu xuízo, caracteriza a xestión de Manuel Baltar na Deputación de Ourense, tanto na política de persoal como na "repartición de fondos".

"Esperamos que con estes paus xudiciais se reformule xa non só a política laboral, senón tamén a repartición dos fondos aos concellos para que empece a facerse con criterios obxectivos", manifestou.

O nacionalista tamén reclamou que a Deputación de Ourense execute xa o mandato xudicial ao considerar que está "a xogar co diñeiro público" ao recorrela "unha e outra vez". "O lóxico sería que xa en primeira instancia se recoñecese o que se fixo mal e non se volvese facer", apuntou.

Ademais, considerou necesario analizar cales son as "necesidades reais" de persoal na Deputación de Ourense para terminar cunha estrutura sobredimensionada que atribúe a xestión durante décadas da institución provincial por parte da familia Baltar.

CIUDADANOS

Nesta liña, a portavoz de Ciudadanos na Deputación, Montse Lama, mostrou o seu "máximo respecto" ás decisións xudiciais e asegurou que as institucións deben acatalas "sexan favorables ou non".

Así, aínda que recoñeceu que a Deputación "estaba no seu pleno dereito de tentar defenderse", sinalou que a xustiza "lle dixo que non" e que "é necesario" que "acate a sentenza" e anule o concurso. "Volven ter outra sentenza desfavorable e creo que xa non hai moito máis percorrido", indicou a portavoz de Cs.

Pola súa banda, o portavoz de Democracia Ourensana (formación que goberna co PP no Concello e a Deputación), Miguel Caride, considerou que as sentenzas están "para acatalas" aínda que asegurou descoñecer polo momento o detalle para pronunciarse.

A DEPUTACIÓN DEFENDE O CONCURSO

Pola súa banda, a Deputación de Ourense asegurou que os servizos xurídicos e a Secretaría Xeral da institución avalan os procedementos realizados no concurso interno de persoal do ano 2016.

Neste sentido, a Secretaría Xeral afirma que non houbo no concurso ningunha promoción interna senón un cambio de posto de traballo, pero sen ascenso na categoría ou grupo profesional, e que en todos os casos tratouse de funcionarios de carreira e persoal laboral fixo xa pertencente á Deputación.

"O único motivo polo que se anularon as bases foi a previsión nas devanditas bases de que para participar no concurso era necesario pertencer aos corpos, escalas, subescalas ou categorías profesionais establecidos na RPT da Deputación para cada posto", manifesta.

Nesta liña, sostén que "ningunha das resolucións xudiciais formula tampouco reproche algún a ningún outro aspecto das bases". "En particular, non se advirten ningún defecto no baremo de méritos que serviu para elixir os adxudicatarios dos postos de entre os solicitantes", apuntou.

Por último, a Deputación de Ourense sinala que foi a primeira de España en pór en marcha un ERE e que realizou axustes dun 40 % do seu persoal en oito anos, en liña coa defensa de seguir mellorando a eficacia na xestión e o equilibro nos seus recursos humanos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta