Os concellos galegos definirán os núcleos de poboación para impoñer ou non as franxas horarias

A Xunta deixa na man da administración local a adaptación destas medidas en función da súa proximidade a un centro urbano: "Iso teno que observar o alcalde"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2020 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

A Xunta dará a "posibilidade" aos concellos de Galicia de definir cales son os núcleos de poboación que deben acollerse ás restricións de saída impostas a través de franxas horarias, segundo anunciou este sábado o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda.

"Se en parroquias de máis de 5.000 habitantes puidese haber algún núcleo de poboación que puidese saír" sen restricións "porque estivese o suficientemente separado", o alcalde ou alcaldesa dese municipio poderá decidir que ese núcleo non se acolla ás franxas horarias establecidas polo Goberno central desde a fase 0.

Da mesma maneira, se se dá a circunstancia que algún núcleo de poboación ten menos de 5.000 habitantes, pero está "moi pegado a un centro urbano maior", é posible que teñan que respectarse os límites horarios establecidos, "iso teno que observar o alcalde", engadiu Rueda este sábado en declaracións aos medios tras unha reunión con representantes de Cruz Vermella en Galicia.

Ao mesmo tempo, asegurou que para a fase 2 pedirán ao Goberno central "que se poida circular libremente polas catro provincias" e que prevaleza o criterio das áreas sanitarias en lugar da unidade provincial, como xa demandaron para esta fase 1.

Agora que existe un criterio de "cogobernanza" solicitarán ao Executivo de Pedro Sánchez que se teñan en conta as achegas da Xunta. Faranas chegar "para polas en común e ser capaces de executalas".

CHAMAMENTO Á RESPONSABILIDADE

En todo caso, Rueda fixo un chamamento á "responsabilidade de todo o mundo" para "mellorar e chegar a unha vida normal". Cre que os pasos que se están dando demostran que "Galicia o está facendo ben".

Por outra banda, Rueda tamén agradeceu a "colaboración" de Cruz Vermella durante a pandemia coa institución autonómica. Ao longo destas semanas axudaron a "atender aos colectivos máis vulnerables da Comunidade" a través dos servizos de teleasistencia e transporte e distribución de alimentos".

Sinalou que esta colaboración foi "moi importante durante toda a pandemia" e "tamén o serán en tempos de desescalada" porque a xente que necesita axuda seguiraa demandando".

Fotos Xunta. Rp.Fondos Europeos.. Xunta de Galicia - Arquivo
Fotos Xunta. Rp.Fondos Europeos.. Xunta de Galicia - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Vigo xa conta co seu propio Caudillo e Señor ! Un día fala do boas que son as bicicletas e ao día seguinte decreta que están prohibidas e punto pelota ! Así se fai, coma os Faraons ! https://vigohoy.es/el-gobierno-de-v...