Atención Primaria manterá o control de acceso e os centros terán dous circuítos de pacientes

O Sergas presentou o plan de reactivación de atención primaria, que será "flexible" para adaptarse á situación epidemiolóxica do territorio

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2020 | Actualizada ás 17:48

Comparte esta noticia

Os centros de Atención Primaria manterán limitacións de acceso e aforamento por cuestións de seguridade e continuarán apostando por potenciar a atención telefónica durante as próximas semanas. Ademais, cada centro contará con polo menos un responsable de xestión de coronavirus e estableceranse dous circuítos diferenciados para os pacientes, a condición de que as características do centro o permitan.

Así figura no plan de reactivación da atención primaria que foi presentado este sábado polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, nunha conferencia telemática mantida cos profesionais sanitarios na que tamén participaron o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, e os membros do comité de xestión da crise asistencial pola pandemia de Covid-19.

Co obxectivo de revitalizar a atención primaria, sinalada como a nova 'fronte' para a contención da epidemia, o plan -elaborado polo Sergas en colaboración cos diferentes colexios profesionais, sociedades científicas e asociacións do ámbito sanitario-  establece unha serie de medidas para preservar a saúde de profesionais e pacientes e mellorar a atención e detección de casos de coronavirus.

O plan, de aplicación en todos os centros de saúde de atención primaria da comunidade, será flexible e terá capacidade para adaptarse á situación epidemiolóxica. Así, establécense unha serie de escenarios e fases que poderán reverterse en caso que sexan necesario.

CONTROIS

Deste xeito, a atención primaria continuará potenciando a atención telefónica para evitar, na medida do posible, que os pacientes acudan aos centros de saúde, nos que se manterán controis de acceso e aforamento.

Cada centro terá, como mínimo, un responsable de xestión do coronavirus e "na medida do posible", dous -persoal médico e de enfermaría-. Ademais, tamén disporán dun profesional de referencia especializado en centros sociosanitarios.

O Sergas tamén establece que os centros sanitarios, se o permiten as súas dimensións e características físicas, implanten un sistema de dobre circuíto de atención: un para pacientes de coronavirus (situado o máis preto posible da saída do centro) e outro para o resto de doenzas. En caso de non ser posible, Sanidade apunta a posibilidade de "atender comarcalmente aos pacientes con sintomatoloxía Covid".

AXENDAS PROFESIONAIS

O plan determina, así mesmo, que o persoal recupere paulatinamente e en función do avance das fases as súas axendas profesionais que quedaron en suspenso pola pandemia. Deste xeito, corresponderá a cada servizo de atención primaria a reorganización destas axendas "en función das necesidades", sinala o Sergas, que subliña que se prestará "especial atención" a pacientes máis fráxiles ou vulnerables, ademais da aqueles que visen suspendidas as súas citas por culpa da pandemia.

ESPECIALIDADES

Outra das cuestións incluídas no plan para a reactivación da atención primaria en Galicia é unha serie de medidas para cada unha das especialidades que se prestan nos centros de saúde. Así, segundo informa a Xunta, a atención pediátrica manterá un circuíto diferenciado, mentres que en atención obstétrica, as consultas prenatales e puerperais realizaranse, con carácter preferente, de forma telefónica.

As unidades de saúde bucodental retomarán progresivamente as actividades programadas con equipos de protección individual integrais, fisioterapia seguirá criterios de prioridade patolóxica e "menor" risco de contaxio, mentres que a atención farmacéutica mesturará atención telefónica e presencial. Por último, as unidades de atención de traballo social sanitario centraranse na detección proactiva de pacientes en situación de risco e exclusión social.

CORONAVIRUS

Ademais de recobrar as funcións habituais, a atención primaria tamén servirá nas próximas semanas de "primeira liña" para a detección de casos de coronavirus, ademais de continuar prestando labores de prevención e información aos cidadáns.

Ante a detección dun caso de Covid-19, procederase activar un protocolo de atención non presencial no que se identificarán os contactos máis próximos do contaxiado para lembrarlles a necesidade de que garden corentena durante un período de dúas semanas.

Os pacientes que presenten síntomas con coronavirus deberán colocarse unha máscara cirúrxica ao chegar ao centro e serán separados o máis rápido posible do resto de persoas para o seu traslado ás zonas do circuíto especial de Covid-19 no caso de existir en tal centro.

Durante as primeiras etapas do plan de reactivación manteranse os equipos específicos creados nos centros de saúde para a atención dos pacientes con síntomas compatibles con coronavirus. Na medida en que "as circunstancias o permitan", estes equipos irán recobrando as súas funcións habituais.

Os profesionais, segundo establece o Sergas no seu plan, recibirán equipos e material de protección individual para evitar contaxios. Ademais, os espazos serán hixienizados de forma continua.

Presentación do plan de reactivación de atención primaria en Galicia. ANA VARELA (XUNTA)
Presentación do plan de reactivación de atención primaria en Galicia. ANA VARELA (XUNTA) | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta