GC Aberto

A arte de reclamar

A Arte Reclamación (AR) ou «Arte de Reclamar» (ADR) [en inglés «Claim Art» (CA)], en contraposición ás demais prácticas artísticas é a única que precisa sustentarse inescusabelmente en argumentos sólidos, concluíntes e, a poder ser, concisos. Dado que esta categoría de razoamentos tan só é posíbel construílos utilizando a linguaxe (oral ou escrita), a esta orixinal manifestación artística tamén se lle pode denominar «Literatura Reclamación» (LR) ou «Literatura de Reclamación» (LDR) [«Claim Literature» (CL) en inglés].

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 14/05/2020

Comparte esta noticia

Non debe interpretar o lector a frase que dá título a este artigo, «A arte de reclamar», como unha habilidade ou querenza particular dunha persoa para solicitar ou esixir a posta a disposición, a título individual ou en favor do público en xeral, de determinados bens ou servizos de maneira desaforada, desapropiada ou mesmo innecesaria.

Libros
Libros

A miña proposta sitúanos diante doutro escenario moi distinto; en verdade vinculado co mundo da arte propiamente dito aínda que entendido non como un proceso de creación «ex nihilo», senón de produción de obra a partir de feitos e realidades preexistentes. É dicir; o correcto e pertinente é entender a proposición que estou a desenvolver como unha auténtica e xenuína expresión artística que denominarei «Arte Reclamación».

A Arte Reclamación (AR) ou «Arte de Reclamar» (ADR) [en inglés «Claim Art» (CA)], en contraposición ás demais prácticas artísticas é a única que precisa sustentarse inescusabelmente en argumentos sólidos, concluíntes e, a poder ser, concisos. Dado que esta categoría de razoamentos tan só é posíbel construílos utilizando a linguaxe (oral ou escrita), a esta orixinal manifestación artística tamén se lle pode denominar «Literatura Reclamación» (LR) ou «Literatura de Reclamación» (LDR) [«Claim  Literature» (CL) en inglés].

A Literatura de Reclamación é, por conseguinte, a arte de expresar de modo máis ou menos formal, mediante palabras pronunciadas («Literatura de Reclamación Oral»: LDRO) ou redactadas («Literatura de Reclamación Escrita»: LDRE), o malestar polo estado e o funcionamento da cousa pública e das cousas privadas das que calquera cidadán necesita facer uso na súa vida ordinaria ou extraordinaria. É ocupación primordial da LDR requirir o respecto e o fomento da pluralidade na sociedade, así como da liberdade, a dignidade, o benestar, a saúde, a diversión… dos seres humanos e dos animais, domésticos e domesticados, semisalvaxes e salvaxes.

A diferenza doutros tipos de literatura, a Literatura de Reclamación é arte non polo pulcro e estético emprego da linguaxe, pois nela a lingua adoita utilizarse de forma impulsiva e aestética (ou incluso antiestética), senón porque o artista posúe a capacidade de observación, os coñecementos, a sensibilidade e a vontade necesarios para identificar os defectos, os erros, as carencias e a obsolescencia das cousas; e tamén o ánimo de melloralas en beneficio da comunidade de seres vivos que constituímos a biosfera.

Non debe confundirse a Literatura de Reclamación coa «Literatura de Queixa» (LQ). A queixa fai fincapé na simple protesta, na desconformidade; mentres que a reclamación comporta, ademais, unha suxestión, proposición ou esixencia para a consecución dun obxectivo: facer que as cousas marchen e evolucionen para evitar o anquilosamento, a deterioración, a arbitrariedade e/ou a infelicidade individual ou colectiva.

Así pois, dado que a situación actual na nosa pintoresca e vella orde mundial é rica en acontecementos merecedores de poderosas pezas de Arte Reclamación, querería, por medio desta a miña reflexión, motivar ás xentes dos seus heteroxéneos e múltiples pobos e nacións a iniciarse na súa praxe sempre que o consideren necesario. Con mesura, civismo e educación, pero sen medo nin vergoña.

Porque só grazas á nosa consciencia, esforzo e tenacidade; todo irá mellor.

Para todos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta