Humor na corentena con Alberte Montes

O actor, cómico e guionista escribe '#7 Final' na súa sección 'CONFINAR FELIZ', un diario sobre o confinamento.

Por Alberte Montes | BARCELONA | 11/05/2020 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Entón que? Xa na Fase 1, non? Esa cal era? A dos bares? A de verse con xente na casa? Verse, que non tocarse. A de apertar a miña nai até fusionarlle os pulmóns cal será? E falo de Galiza, outros aínda temos que agardar. Suspensos en confinamento. Mentres non teñamos que esperar a setembro...

Alberte Montes.
Alberte Montes.

Aínda que eu precise dun curso de quince días para acabar de entender como vai o das fases, estas, serven para dar a sensación de progreso, de ir cara adiante, de ver a luz ó final do túnel. Todo psicolóxico, pero axuda.

"Está correndo xente que nunca correra"

Tamén tiña que axudar o de poder saír a facer deporte, pero claro, se saímos todos non. Moita ansia polas rúas adiante. Está correndo xente que nunca correra. Hai quen leva apuntado ó ximnasio oito anos e só foi dúas veces a ducharse e saíu o outro día como se se fora acabar o mundo. Por favor. Control. Que xa está habendo máis ingresos por infarto que por Covid.

Están saíndo tamén os nenos, falta lles facía. Cando todo isto pase o de Hermano Mayor non vai dar feito. Sei de algún que se achegou á porta da escola de pura morriña por aprender, imaxinade a gravidade do asunto. Non hai manualidade, xogo, conto ou Patrulla Canina que poida con isto.

"A nova normalidade é unha boa merda. Pero hai que estar, aguantar, sumar e non restar"

Os maiores tamén, fartos de andar polo corredor adiante da súas casas, están por fin pisando rúa. Que algún igual xa nin contaba. É unha alegría volver velos tomando o sol no parque, arrimándose a unha obra a medio acabar ou colándose na cola do súper.

Todos á rúa, por grupos, por horas, con mascarilla, luvas, a dous metros... A nova normalidade é unha boa merda. Pero hai que estar, aguantar, sumar e non restar. Porque xa estamos menos confinados que onte.

E sendo así, a crónica do meu confinamento remata aquí, agardando que o final sexa feliz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta