Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2020 | Actualizada ás 14:45
A Xunta traballa no proceso necesario para a reapertura progresiva dos centros da súa titularidade e daqueles que xestiona no ámbito dos muesos e bibliotecas coa entrada de Galicia na fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.
Diso informou a Consellería de Cultura e Turismo nun comunicado, no que detalla que, co obxectivo de determinar as actuacións necesarias para a súa posta en marcha, cada centro directivo realizará unha análise das medidas publicadas polo Goberno central o pasado sábado.
Unha vez terminadas estas actuacións preliminares, que terán unha duración mínima dunha semana, e cumpridas as medidas preventivas contidas na dita orde, acordarase a apertura progresiva dos equipamentos en varias fases e a reincorporación efectiva do persoal, seguindo o protocolo polo que se establece a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención aprobadas polo Consello da Xunta.
No caso dos arquivos xestionados pola Administración autonómica, a atención é telemática desde o pasado 4 de maio, excepto nos supostos que sexa absolutamente imprescindible a atención presencial, e nese caso limítase a 10 documentos ou unidades de instalación física por xornada de traballo.
As condicións de apertura dos arquivos foi fixada previamente polo Ministerio de Sanidade o pasado domingo 3 de maio.
RECURSOS EN LIÑA
Cultura e Turismo destacou que, durante estas semanas de confinamento, a Xunta de Galicia impulsou as potencialidades de GaliciaLe, a plataforma de préstamo electrónico cuxo uso se está disparando neste período.
De feito, só nas primeiras semanas incrementou notablemente o seu número de usuarios e quintuplicou o número de préstamos. Este sistema que permite acceder a máis de 4.500 títulos, entre libros, revistas ou audiovisuais, seguirá activo á vez que as bibliotecas retomen progresivamente a súa actividade e servizos presenciais.
Así mesmo, os museos continuaron abertos en visitas virtuais a través de 'Galicia, na túa casa', que permite percorrer monumentos e espazos expositivos.
Os centros de titularidade da Xunta ou de xestión autonómica no ámbito dos arquivos, muesos e bibliotecas son un total de 23. No caso dos arquivos trátase do Arquivo do Reino de Galicia, na Coruña; o Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, e os Arquivos Históricos Provinciais de Ourense, Pontevedra e Lugo.
Dentro do ámbito dos museos, o Goberno autonómico xestiona os seguintes: Museo de Belas Artes da Coruña, Museo das Peregrinacións e de Santiago, Museo Massó de Bueu, Museo Arqueolóxico de Ourense, Museo do Castro de Viladonga, Museo Etnolóxico de Ribadavia, Museo do Mar de Galicia, en Vigo; casa Museo Camilo José Cela, o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).
No ámbito das bibliotecas os centros de xestión autonómica son a Biblioteca de Galicia, no Gaiás; a Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña, a Biblioteca de Lugo, a Biblioteca deOurense, a Biblioteca Antonio Odriozola de Pontevedra, a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela e a Biblioteca Juan Compañel de Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.