O Sergas activa a plataforma de seguimento coa que rastrexará os contactos dos infectados

Encargarase de identificar e contactar con cada unha das persoas que tivesen contacto cun caso positivo por COVID-19.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2020 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade puxo este luns en marcha a plataforma tecnolóxica de seguimento coa que rastrexará e monitorará os contactos das persoas infectadas por COVID-19. Inicialmente, este servizo estará integrado por un equipo de 20 operadores e prevese que chegue aos 50 profesionais nas próximas semanas.

Xente en Vigo protexida con máscaras contra o coronavirus SARS-CoV-2 e gardando a distancia de seguridade
Xente en Vigo protexida con máscaras contra o coronavirus SARS-CoV-2 e gardando a distancia de seguridade | Fonte: © Miguel Núñez.

O sistema tecnolóxico de rastrexo empregado en Galicia para identificar posibles novos casos de infeccións por coronavirus contará cun protocolo único, e encargarase de identificar e contactar con cada unha das persoas que tivesen contacto cun caso positivo por COVID-19.

Despois dunha consulta médica, presencial ou telefónica, na que o facultativo diagnostique ao paciente como caso sospeitoso de COVID-19, solicitaráselle a proba PCR.

Entón, esta plataforma activará unha enquisa inicial a esta persoa que presente sintomatoloxía COVID-19 e solicitaránselle os datos das persoas coas que puido manter contacto estreito, desde dous días antes do inicio dos síntomas ata o momento do seu illamento. No caso de que o resultado da proba PCR sexa positivo, pediráselle aos contactos que garden corentena durante 14 días desde o último contacto con esta persoa.

Así mesmo, empezaría un seguimento diario sobre a posibilidade de aparición de sintomatoloxía compatible coa COVID-19 e, de aparecer estes síntomas, derivaranse ao seu médico. Os contactos pasarían a ser casos sospeitosos iniciando de novo o ciclo con solicitude da proba PCR, illamento e investigación de novos conctactos.

O sistema de rastrexo galego será monitorado diariamente por técnicos de Saúde Pública dos Servizos Centrais e das Xefaturas Territoriais, que avaliarán e controlarán a calidade de todo o sistema, a validez da información e a resolución de incidencias.

Do mesmo xeito, tamén colaborarán nas tarefas de seguimento Atención Primaria, principalmente nos casos confirmados, os servizos de Medicina Preventiva, naqueles casos nos que os pacientes estean ingresados, e os Servizos de Prevención de Riscos Laborais, no caso de producirse algún brote neste ámbito.

Deste xeito, o Sergas levará a cabo unha vixilancia activa e diaria de todos os contactos rexistrados podendo, grazas á identificación das súas necesidades específicas, achegar a información máis adecuada para cada situación.

A Consellería de Sanidade destacou que a plataforma tecnolóxica conta coa flexibilidade suficiente para adaptar a dotación de persoal dedicado especificamente a esta función, de acordo ás necesidades que vaian xurdindo, e así verse incrementado proporcionalmente ao número de casos notificados desde o sistema asistencial a longo do tempo en función da evolución da pandemia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta