Artistas galegos rexeitan o plan da Xunta por "protexer" á industria pero non aos creadores

Ven "un despropósito" o requisito de rango de idade para poder competir ou optar a unha axuda para produción de proxectos ou compra de obra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2020 | Actualizada ás 19:48

Comparte esta noticia

A Asociación Profesional de Artistas de Galicia (A Colectiva) trasladou este luns a súa "desconformidade" co plan de reactivación dos sectores turístico e cultural presentado pola Xunta. Tras analizar o contido do plan, a asociación censura que as medidas que inclúe "protexen fundamentalmente á industria cultural e á turística deixando de lado a materia prima do ámbito artístico, os artistas".

A Colectiva
A Colectiva | Fonte: Facebook.

"Aínda que compartimos a necesidade de apoiar as empresas do sector cultural, non entendemos que, unha vez máis, sexa a figura do artista a máis vulnerable. Pensamos que este plan é pouco preciso e non mostra no seu contido o detalle no que se desenvolverán ditas medidas", indicaron.

Tamén consideran que algúns dos enunciados que recolle o plan carecen de "sentido" e "non se adaptan á realidade dos artistas visuais en Galicia".

A modo de exemplo, consideran que o requisito de rango de idade para poder competir ou optar a unha axuda para produción de proxectos ou compra de obra é, nestes momentos, "un despropósito" e "roza a falta de respecto cara ao traballo" dos artistas. Non en balde, lembran que creadores de todas as idades vense afectados pola COVID-19.

Ademais, demandan que "os procesos de compra ou goce dunha axuda por parte dun artista sexan froito dun proceso público de concorrencia competitiva e con garantías". Neste punto, ven preciso que as compras de obra ou encargos a artistas se realicen "directamente cos autores, sen empresas intermediarias".

ENCONTRO DE ARTISTAS NOVOS

A asociación chama a atención acerca de que a realización do Encontro de Artistas Novos (EAN) "non pode considerarse como unha medida de reactivación porque xa existía previamente ao estado de alarma".

"Realizar un encontro de artistas na actual situación, ademais de parecernos inviable tendo en conta as condicións sanitarias, non incide directamente na reactivación do noso traballo", apostila.

E é que, segundo argumentou, "este tipo de encontros non supón ningún tipo de rédito económico para os creadores, máis aló do mero feito promocional".

A continuación, apuntou que, aínda que celebran saber que se tomarán medidas para apoiar á Asociación Contemporánea de Galerías de Arte de Galicia, "non aparece ningún tipo de apoio para cooperativas formadas por artistas, artistas autónomos ou asociacións de artistas".

"Este tipo de discriminacións profunda, aínda máis, na situación de vulnerabilidade e de exclusión social dos artistas", esgrime a asociación, antes de lamentar que no plan tampouco existan medidas "específicas" para os artistas, como "si aparecen para empresas e xestores culturais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta