GC Aberto

Renda solta á arte no confinamento

Por admin | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2020

Comparte esta noticia

Ola! Son María Xesús Díaz, artista plástica. E hoxe quero compartir convosco as obras que realicei nestes días de confinamento. Días sen compromisos, sen horarios nin obrigacións, pero tamén de silencio, silencio non buscado pero necesario, e quizais propicio para dar renda solta á creatividade.

María Xesús Díaz no estudo
María Xesús Díaz no estudo | Fonte: María Xesús Díaz

As creacións que comparto, son acrílicos e óleos realizados a espátula, a miña principal ferramenta de traballo. Estas obras teñen moito que ver cos momentos críticos que nos tocou vivir.

Paisaxes vacios, camiños infinitos con incerteza, fábricas contaminantes. Pero tamén paisaxes con moita cor, ceos despexados e limpos con moita esperanza. Esa esperanza que nos leva a crer que isto acabará e poderemos volver á vida, que considerabamos normal antes de que ocorrese todo isto.

Espero que estes momentos duros nos fagan reflexionar e ver a vida doutra maneira. Que non son necesarias tantas cousas como pensabamos, e que a voráxine na que estabamos metidos non era de todo necesaria; que as pequenas cousas son as que nos poden facer felices.

Os artistas a través das nosas creacións, transmitimos pensamentos, interpretamos maneiras de mirar, momentos determinados, e tamén estados de ánimo. Os espectadores que contemplan a obra interprétana á súa maneira, e con diferentes perspectivas. Seguramente dependendo tamén do seu momento, estado de ánimo e outra serie de circunstancias que tamén inflúen.

A miña reflexión axudoume a desenvolver esa mirada íntima, permitíndome explorar novos camiños, descubrir emocións descoñecidas e trasladalas a diferentes expresións na miña arte. Son obras cheas de personalismo, de puro sentimento e espello da miña conxuntura.

Moito ánimo a todos!

María Xesús Díaz

Web: www.mariaxesusdiaz.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta