Condenado o Sergas a pagar 180.000 euros pola morte dunha moza que se infectou no hospital

O xulgado conclúe que a paciente sufriu unha enfermidade nosocomial ao "non extremarse todos os medios para evitar o contaxio".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2020 | Actualizada ás 11:59

Comparte esta noticia

O Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Santiago de Compostela condenou ao Sergas a indemnizar a un mozo viúvo e á súa filla de cinco anos, veciños de Pontevedra, con 180.000 euros pola morte da súa muller e nai, respectivamente, de 25 anos de idade debido a unha infección por unha bacteria adquirida no Hospital Montecelo de Pontevedra.

Segundo se argumenta na sentenza, á que tivo acceso Europa Press, ditada durante o período de estado de alarma, "da valoración conxunta e racional das probas practicadas" o tribunal conclúe que se acreditou a "existencia dun funcionamento anormal do servizo sanitario causalmente relacionado cun resultado lesivo antixurídico que consistiu na adquisición durante a estancia no hospital da paciente dunha enfermidade nosocomial que causou a súa morte, a consecuencia de non extremarse os medios dos que o hospital dispuña para evitar o contaxio".

Na argumentación, a xuíza que asina a sentenza expón que "o contraer infeccións nosocomiais non é un risco que necesariamente haxa de soportar o paciente como derivado dunha asistencia sanitaria". A maxistrada aclara, ademais, que resulta "difícil cuantificar a indemnización dos danos e prexuízos derivados do falecemento dunha paciente de 25 anos, que fai presumir unha importante esperanza de vida".

"Consideramos que unha indemnización que se considera como ponderada á vista do carácter meramente orientativo do baremo, é a de 80.000 euros para o home da paciente e 100.000 euros para a súa filla", resalta a xuíza na sentenza, contra a que se pode presentar recurso de apelación ante o TSXG.

No relato de feitos reflectido na resolución xudicial indícase que a paciente, de 25 anos, morreu en novembro de 2014 por mor dun "fallo multiorgánico" provocado pola infección da "bacteria psedudomona aeruginosa adquirida no Hospital Montecelo" de Pontevedra.

MEDIDAS

O avogado da familia da falecida, Cipriano Castreje, resaltou a Europa Press que a xuíza considera acreditado que "a pesar de ser un risco coñecido e potencialmente mortal, pois esta bacteria é moi perigosa e o risco estaba aí, non se adoptaron todas as medidas de hixiene e prevención a tempo".

"É certo que non podemos asegurar con total fiabilidade que a adopción da medida de illamento inicial evitase con toda seguridade o contaxio da perigosa bacteria, pero o é igualmente que o risco estaba aí, e debían adoptarse todas as medidas de prevención e hixiene imprescindibles a tempo", puntualízase na sentenza, "o que non se fixo", apostila o letrado.

Con todo, o letrado incide en que a indemnización concedida "de ningún xeito palía a perda dunha nai, e menos aínda tan nova, pero sen dúbida axudará a esta nova familia nalgunha medida, que eles mellor que ninguén saberán afrontar", subliña o avogado, que conclúe que "polo menos recuperaron a súa dignidade, aínda que ninguén lles pediu desculpas".

Hospital de Montecelo, en Pontevedra
Hospital de Montecelo, en Pontevedra | Fonte: aldhos.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xoelho

Condenar o SERGAS é pura hipocrisía. Condenar o SERGAS é o mesmo que condenarnos a todos nós porque o SERGAS é un organismo público, non é un_a empresa privada. Se hai multa, PAGAMOS TODOS. Non pagan os culpables, e así nada cambia.