O dilema do regreso ás aulas: preocupación pola atención a menores, a seguridade e a conciliación

A conselleira Carmen Pomar reúnese este mércores con sindicatos e ANPA, a maioría desconformes con regreso anticipado e sen protocolos sanitarios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2020 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

A conveniencia de anticiparse ou non ao regreso ás aulas é un dos principais debates no proceso de desescalada da crise sanitaria, nun clima de incerteza polo plan do Goberno central, as demandas de conciliación das familias e as críticas dos sindicatos pola falta de protocolos de actuación para asegurar que os menores cumpran as medidas de distanciamento e seguridade, entre outros factores.

Patio dun colexio pechado
Patio dun colexio pechado | Fonte: Europa Press

A ministra de Educación, Isabel Celaá, reunirase o xoves coas comunidades autónomas para abordar o inicio do próximo curso e o hipotético regreso anticipado ás aulas. Ante este encontro, a titular galega do ramo, Carmen Pomar, convocou este mércores a representantes das confederacións de ANPA e de sindicatos docentes para trasladar a súa visión da situación.

A maioría das organizacións convocadas coincidiron no seu rexeitamento inicial a un regreso prematuro ás aulas, sobre todo nun momento no que se están liberalizando as restricións e no que os expertos insisten na importancia de extremar as precaucións nas medidas de hixiene, distanciamento e evitar contaxios.

Esta preocupación pola seguridade e a garantía da saúde dos nenos, cun hipotético regreso ás aulas dos menores de seis anos do que aínda se descoñecen as condicións, prodúcese en paralelo a unha demanda de medidas de conciliación para facilitar a recuperación da vida laboral e a presencialidade no traballo dos pais.

Desde Confapa-Galicia, Rogelio Carballo insistiu nesta idea, posto que se debe "atopar dalgún modo" unha solución a esta situación, "moi complicada e moi complexa" e que se atenta a un dereito "constitucional, como é o dereito ao traballo".

Para Carballo o sistema que se mantiña ata o momento para facilitar certa conciliación "crebou", agora que aos proxenitores os chaman a reincorporarse ao seu traballo a pesar de ter que atender a tempo completo aos seus fillos e mesmo "facer de docentes".

"Isto non se pode seguir mantendo", insistiu, criticando que neste país se lle dea prioridade a "abrir bares" e non a solucionar a situación das familias e adoptar medidas para abrir as escolas, aínda que sexa de forma "limitada".

CONCILIAR NON É ABRIR CENTROS

Fernando Lacaci, de Anpas Galegas, advertiu pola súa banda de que esta conciliación non pasa por "abrir os centros", posto que os espazos educativos non deben considerarse como "un sitio onde depositar aos teus fillos".

A reincorporacion á vida do centro debe pasar, na súa opinión, pola "absoluta seguridade" de que se conta coas medidas e protocolos para asegurar a salubridade e as condicións sanitarias adecuadas, de modo "moi controlado". Todo iso, engadiu, tendo en conta que aínda hai que planificar o curso que vén, unha cuestión que tamén trasladará á conselleira Pomar.

Desde Congapa-Galicia, tamén trasladaron a súa "preocupación" por este regreso ás aulas. Patricia Pérez considerou que faltan certezas respecto do proceso, sobre todo para garantir o cumprimento das medidas de seguridade entre os menores.

A pesar diso, imcidiu tamén na necesidade de facilitar a conciliación ás familias, pero aínda faltan protocolos e procedementos para levalo a cabo. "Non nos dan ningún tipo de información", lamentou, e "ninguén pensa que estes nenos teñen que ir a un recreo".

"NON SOMOS GARDARÍAS"

Os sindicatos de profesores que contan con representación na mesa sectorial coinciden en rexeitar un regreso anticipado ás aulas en Galicia e algúns denunciaron á Xunta ante a Inspección de Traballo.

A CIG-Ensino advertiu da problemática que vive o persoal dos centros en materia de prevención, coa incorporación sen que exista un protocolo ou unha valoración dos riscos de cada posto de traballo.

O sindicato insistirá ante Educación en que nin os profesores nin os alumnos deben incorporarse neste final de curso "se non é con todas as garantías". "Baixo ningún concepto a escola debe ser considerada como un elemento asistencial para suplir as carencias dun sistema laboral que vive de costas á conciliación".

Desde ANPE-Galicia, apelou á súa vez en que se debe impulsar unha planificación deste regreso ás aulas "con todas as garantías sanitarias".

"Non é de recibo que a estas alturas non haxa un plan de prevención establecido", denuncia Julio Díaz, quen advertiu de que os centros "non son aparcadoiros de nenos" e rexeitou que se retome a docencia anticipadamente, agás en casos "específicos" (como os cursos que afrontan a ABAU).

MEDIDAS DE SEGURIDADE

Luz López, secretaria xeral de Ensino de CC.OO. tamén denunciou o "descoñecemento" de toda esta reincorporación, pola que o sindicato presentou denuncia ante a Consellería para esixir "a avaliación dos postos de traballo" por parte dos comités de saúde e seguridade laboral".

"Sen iso, non é viable garantir a saúde para ninguén", sinalou, para apuntar as dificultades para facer cumprir as medidas de distanciamento e de protección aos menores.

FeSP-UGT esixirá á Consellería de Educación que o alumnado "non volva ás aulas ata setembro" e que se asegure a dotación de medidas de protección aos traballadores a partir dunha "partida especial" orzamentaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta