Especialista do Chuac móstrase convencido de que pode haber "un repunte en calquera momento"

O vicepresidente do Colexio de Médicos de Pontevedra, Manuel Rodríguez, apunta que o estudo epidemiolóxico estatal "ten maior fiabilidade" polo tipo de probas usadas na súa elaboración que o galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2020 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

O médico especialista en medicina preventiva do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), Antón Acevedo ,advertiu este martes, no arranque da fase 1 da desescalada, que "non se pode baixar a garda" ante a crise sanitaria do coronavirus, e apelou á "responsabilidade individual" para evitar un rebrote que pode darse, asegura, "en calquera momento".

"Nunca hai que confiarse, pero neste momento, se cabe, hai que prestar máis atención ás medidas preventivas", advertiu Acevedo, en declaracións a Europa Press, antes de apelar á "responsabilidade individual", posto que o confinamento "fixo o seu labor", pero agora éntrase nun momento distinto.

As "mellores medidas", ao seu modo de ver, son a hixiene de mans e manter a distancia social. En canto ás máscaras, precisou que el as ve recomendables "fundamentalmente en espazos pechados". "En espazos abertos se mantemos a hixiene e a distancia social o risco é relativamente baixo, pero en transportes públicos si que é moi importante o seu uso", exemplificou.

Nesta conxuntura e, aínda que o seu servizo aínda non ten constancia dos resultados do estudo epidemiolóxico do Sergas, Acevedo si incidiu en que as evidencias apuntan a que o virus circulou pouco na autonomía, polo que pouca poboación está "inmunizada" e pode haber un brote "en calquera momento".

E é que o especialista non ve o verán como unha garantía para que o virus desapareza, xa que non hai evidencias científicas "concluíntes" respecto de que o clima desta estación vaia favorecer un retroceso do coronavirus. Por iso, apela a "non baixar a garda" e a actuar con "responsabilidade" ao retomar as actividades comerciais ou de lecer en bares, por exemplo.

"Cando se levantan as medidas de seguridade sempre se incrementa o risco", sentenciou, convencido de que pode haber "un repunte en calquera momento". De habelo no arranque desta fase 1, ademais, constatou que non se empezaría a ver ata dentro de "sete ou dez días", igual que, a día de hoxe, pode afirmarse que en Galicia os paseos dos nenos non empeoraron a evolución da pandemia.

"A partir de agora, ao haber desconfinamiento, increméntase a tensión e é importante estar sempre pendentes", afirmou, para concluír que, nos próximos meses, "é de vital importancia o diagnóstico precoz e a vixilancia epidemiolóxica".

FIABILIDADE DO ESTUDO DO SERGAS

Pola súa banda, fontes consultadas por Europa Press insistiron na baixa porcentaxe de positivos detectados durante a recollida de mostras para o estudo epidemiolóxico realizado polo Sergas para coñecer a circulación do virus por Galicia. En concreto, indicaron que, por exemplo, de entre un 3.112 test, dos sobre 10.000 realizados na área da Coruña, obtivéronse "só seis positivos", o que traducen nun "0,19%". A iso suman que dos "máis de 600" realizados nun único centro de saúde de Santiago de Compostela houbo "cero positivos".

Por iso, médicos galegos insistiron, en declaracións a Europa Press, en que datos como estes apuntan a que, "aínda que tiñan pouca sensibilidade" os test, "parece que non circulou o virus" ou o fixo "pouco".

Nesta liña, por parte de Agamfec, Jesús Sueiro, manifestou a Europa Press que, á espera de coñecer as conclusións do estudo, parece que se sitúa "por baixo do 1%" a porcentaxe de positivos. No entanto, fixo fincapé en que os test dos participantes se fixeron "por punción capilar", mentres que os do persoal sanitario agora "é por punción venosa".

Respecto da fiabilidade, o vicepresidente do Colexio de Médicos de Pontevedra, Manuel Rodríguez, apuntou que, polas probas empregadas, o estudo estatal de seroprevalencia presenta "unha posible capacidade maior éxito porque está feito de maneira selectiva" con "test de dobre banda e recollida de soro".

Para o doutor Rodríguez o estudo epidemiolóxico estatal "ten maior fiabilidade" polo tipo de probas usadas na súa elaboración que o galego. Tras concluírse a recollida de mostras para o traballo do Sergas, polos resultados obtidos nos test apuntou que o resultado "non alcanzou para nada os índices que se esperaban".

Mentres, o presidente do Colexio de Médicos de Ourense, José Luís Jiménez, insistiu, en declaracións a Europa Press, que aos profesionais sanitarios lles preocupan "máis cousas que pasan na rúa e terrazas" ao ver que, en ocasións, non se respecta a distancia de seguridade.

Test realizado desde coche no Hospital Meixoeiro de Vigo para a detección do coronavirus COVID-19
Test realizado desde coche no Hospital Meixoeiro de Vigo para a detección do coronavirus COVID-19 | Fonte: © Miguel Núñez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Gamela

Seguimos sen saber se os test eran ou non eran os mesmos no estudo do Sergas e no estudo do Ministerio (?) O único que sabemos é que a Ministra Calvo xa anda argallando unha prórroga do estado de alarma DUN MES !!! E tí que opinas do asunto ? Queres seguir baixo estado de alarma toda a lexislatura ? https://twitter.com/00Gamela/status...

1 Ana

En Tanzania deron positivo por coronavirus unha cabra e unha papaya. E que xa e todo tan patético que darían ganas de rir de non ser polas vidas perdidas (descoñecemos se polo virus ou por outras patoloxias), a falta de liberdades e a ruina económica. Eu so pido a xente que non permitan que ningún "inimigo" (real ou falso) sirva de pretexto para quitarlles liberdades.

1 Mugueimes

Ana, em galego: papaia ou mamão. Também se fala com propriedade de troll, fanático, conspirata... (outro dia explico, que hoje têm censor).