Antón Pedreira, libreiro: "Cómpre que 2021 volva ser ano Carvalho Calero"

A histórica libraría Pedreira sabe ben as dinámicas dos dezasetes de maio. Conta que nesta ocasión "falta o esencial: poder dar a coñecer a obra do homenaxeado". Por iso, cre que Calero merece ser recoñecido no próximo ano.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2020 | Actualizada ás 22:30

Comparte esta noticia

A trasfega de xente e de literatura é quen dá a vida ás librarías. Agora volven espertar paseniño coas citas previas como método tras dous meses de peche obrigado, mais nada están tendo que ver este mes das Letras Galegas cos habituais meses de maio, ateigados de eventos, actos e actividades diversas ao redor da literatura e da persoa homenaxeada nos sucesivos dezasetes de maio. Os libreiros e libreiras atópanse aínda coa porta a medio abrir, coa ollada posta no futuro das súas librarías e cos esforzos orientados a facer que este Día das Letras Galegas non pase desapercibido.

Xosé Antón Pedreira, libreiro en Compostela
Xosé Antón Pedreira, libreiro en Compostela | Fonte: Pinterest

A histórica libraría Pedreira da capital galega vive esta andaina cara as Letras Galegas "dunha forma moi estraña". Fala Antón Pedreira que ese día 17 levantarán as reixas en horario de mañá e de tarde, pero que non son moi optimistas. "Pódese abrir, pódese vender... Pero falta o esencial, que é poder dar a coñecer a obra de Carvalho Calero". Co ensino pechado e as cidades, vilas e aldeas aínda en letargo, só as redes sociais se abren paso como canles para a difusión, para a reivindicación e para a celebración. 

COAS MIRAS NO 2021

Antón Pedreira desexa que 2021 volva ser Ano Carvalho Calero, e espera que a Real Academia Galega (RAG), perante esta inédita situación, así o decida. "Neste contexto todo queda desfigurado, é difícil traballar a súa obra dentro do ensino, os esforzos editoriais non se ven...", relata. Dende a súa longa experiencia como libreiro, Pedreira sabe que, "pasado o día, a venda deses libros acabou". "En realidade é así como funcionamos: chega o día 18 e non se volve falar máis do escritor ou escritora homenaxeada, agás que sexa un Manuel María ou unha Rosalía. Temo que con Carvalho suceda o mesmo". E aínda con máis intensidade tendo en conta a situación que atravesamos. Por iso mesmo, Pereira cre que "vén ben que se repita a homenaxe o próximo ano".

Esta petición súmase á tamén expresada por diversas entidades sociais e asociativas, que lle reclaman á Real Academia Galega estender a conmemoración. A Xunta, pola súa banda, asegura que é consciente de que existen argumentos para xustificar esta medida, pero en todo caso respectará a decisión que tome a institución presidida por Víctor Freixanes, informa.

"O GRAN ESQUECIDO"

Carvalho Calero é un autor "non todo o recoñecido que debería", fala Pedreira, que se define como un gran admirador del por sempre. "As Letras Galegas van facer que se fale da súa figura. Obras fundamentais da historia da lingua e da literatura galegas foron feitas por el. Traballou moitísimo a poesía, o teatro... Traballouno todo". Sendo "dos grandes esquecidos", Antón Pedreira agarda que o recoñecemento cara a súa multidisciplinar figura "perdure no tempo". Desexa tamén que Galicia camiñe "cara a normativa portuguesa" que Carvalho Calero defendía como máximo referente do reintegracionismo. 

"As institucións, coa Xunta á cabeza, están a que desapareza a lingua. É triste, pero é así: institucionalmente o galego non é a lingua referente e iso faille moito dano". O traballo e movemento do mundo editorial, pola conta, é un dos síntomas de que o idioma "está vivo" no país. Para este 17 de maio, que aínda empañado, segue sendo día de reivindicación e celebración das nosas Letras, Pedreira ten unha última vontade: "Que todo o mundo saia ás xanelas e barandas e reivindique o galego!".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 tmRA

As celebracións virtuais son o futuro. Carballo xa ten as súas.

1 Isolda

Bem falado, Antón!

1 Fer

Antón sempe fala ben.