O Ministerio de Sanidade advirte "un pequeno aumento" de crianzas contaxiadas

Fernando Simón non cre que teña que ver coa saída da rapazada ao paseo.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 13/05/2020 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade, Fernando Simón, indicou que "nalgúns hospitais" notaron "un pequeno aumento" no número de crianzas atendidas con coronavirus COVID-19, aínda que o Ministerio de Sanidad aínda non notou "unha diferenza significativa" e pediu valoralo con "moita prudencia".

"Hai algúns hospitais que si o comentaron, nós aínda non notamos unha diferenza significativa, sempre hai oscilacións. Si que pode haber un pequeno aumento que terá que valorarse con moito coidado, as cifras brutas non chaman demasiado a atención, pero si que porcentualmente podería ser, se agora temos moita menor transmisión en maiores, si que pode detectarse tamén nalgúns nenos", explicou Simón este mércores 13 de maio na rolda de prensa posterior á reunión do Comité de Xestión Técnica do Coronavirus.

Segundo precisou, a razón pode ser que ata agora, había "nenos con cadros moi leves que non se diagnosticaban pola fase álxida da epidemia e porque os sistemas (de saúde) tiñan que seleccionar os casos sabendo que os nenos con cadros leves non eran maior problema, salvo situacións particulares" e que agora estes casos "estean a detectarse máis".

Así, Simón precisou que esas oscilacións "preocupan" pero insistiu en "valoralo con moito coidado". En todo caso, non cre que teña que ver coa saída das crianzas a pasear porque se fose un efecto "tíñase que observar hai case unha semana".

"Desde que se iniciaron os paseos con nenos ata que se observa teñen que pasar 10-15 días, estamos quizá un pouco lonxe xa, eu creo que son máis esas oscilacións habituais, pero con moita prudencia", explicou. Hoxe cúmprense 18 días desde o inicio do desconfinamento dos menores.

A rapazada, na primeira saída á rúa en 40 días pola crise do coronavirus COVID-19
A rapazada, na primeira saída á rúa en 40 días pola crise do coronavirus COVID-19 | Fonte: c Miguel Núñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta