Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2020 | Actualizada ás 18:01
O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) alertou da falta de protocolos para os servizos sociais na fase 1 da desescalada e reclamou á Xunta que envíe "sen demora" protocolos para os traballadores.
Nun comunicado remitido aos medios, o colexio asegura detectar moitas "carencias" en dependencia e piden ao Executivo autonómico que "aborde" canto antes esta cuestión tendo en conta que se trata do sistema que "vela polas persoas maiores".
O COTSG sinala a existencia de "moito atraso" na asignación de prazas residenciais das emerxencias que contemplan situacións de abandono, de risco inminente para a integridade física do usuario ou de malos tratos. O resultado diso, segundo indica, é o "desamparo no que a administración galega ten asumidas ás persoas máis vulnerables".
Por todo iso, reclamaron á Xunta a posta en marcha de protocolos para a reapertura dos centros, o reforzo dos servizos de proximidade de carácter domiciliario en todas as súas modalidades para garantir os coidados, facilitar a realización de test aos profesionais, reforzar os centros de día, así como a procura de mecanismos de conciliación para o persoal dos centros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.