A oposición acusa a Feijóo de "irresponsable" por poñer en perigo a saúde dos galegos cunhas eleccións en xullo

Caballero acusa de "electoralismo" a Feijóo por pensar nel e non en Galicia. Antón Gómez-Reino avanza medidas legais se Feijóo "pon en risco aos galegos" e Pontón ( lamenta que Feijóo elixa "eleccións" fronte á "saúde dos galegos" e dúbida da súa legalidade. Pola súa banda, En Marea ábrese a que sexan en xullo se se fan con "garantías".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2020 | Actualizada ás 19:22

Comparte esta noticia

Os principais partidos da oposición opóñense frontalmente á convocatoria electoral en xullo, tal e como quere Alberto Núñez Feijóo. Consideran que esta decisión responde só a "intereses electorais" do presidente galego e que pode poñer en risco a saúde dos galegos. De feito, mesmo dubidan da legalidade desta medida.

papeleta, votación urna, eleccións, Xerais, municipais
papeleta, votación urna, eleccións, Xerais, municipais | Fonte: EP

Así, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou que a intención de Feijóo de convocar as eleccións galegas “en pleno estado de alarma e en situación de emerxencia sanitaria” deixa ben ás claras que “a súa principal preocupación ao longo de todas estas semanas foi sempre a cuestión electoral”.

É altamente irresponsable”, recalcou o líder dos socialistas galegos, quen fixo fincapé en que Feijóo “non está pensando nas persoas que están inmersas agora nun ERTE nin nos autónomos que non poden abrir os seus negocios” senón só tentando esquivar a análise da súa xestión da pandemia, que deixa os peores datos nas cuestións que son competencia da Xunta: o eido sanitario e as residencias de maiores.

Feijóo non é de fiar”, subliñou Gonzalo Caballero, consciente tamén de que está “rachando os acordos” que selou coa oposición para aprazar as eleccións e que se plasmaron no Diario Oficial de Galicia. “Firmou que as eleccións non se poderían convocar de novo ata que se levantasen o estado de alarma e a emerxencia sanitaria, e agora amosa que está disposto a saltar calquera norma existente”.

GALICIA EN COMÚN

Neste sentido, o portavoz de Galicia En Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, avanzou que a coalición de esquerdas explorará "todos os mecanismos legais do Estado de dereito" se finalmente o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, convoca eleccións autonómicas para o mes de xullo.

"É unha irresponsabilidade", dixo. "Mentres non haxa garantías sanitarias e democráticas, é unha absoluta irresponsabilidade pensar en convoar un proceso electoral", incidiu Gómez-Reino, que lembrou a Feijóo que tivo que recorrer ao "consenso" das forzas políticas para suspender as eleccións e que, agora, actúa en solitario.

Así as cousas, e a expensas da reunión que terá lugar este xoves entre as forzas da oposición e o presidente galego, a coalición de Podemos, Esquerda Unida, Anova e algunhas mareas municipalistas avanza que explorarán as vías legais se, finalmente, a cita coas urnas se fixa para un momento no que "non existan garantías sanitarias e democráticas" para a súa celebración.

"Feijóo non vai contaxiarnos a súa irresponsabilidade", remarcou Gómez-Reino, que se preguntou "como vai facerse unha campaña" nun momento no que a sociedade está pendente de cuestións como a súa saúde ou a continuidade dos seus empregos e negocios. "É este o loito do PP e do señor Feijóo, convocar unhas eleccións en plena desescalada?", aseverou o deputado no Congreso, que sinalou que confía en que "non teñan que ser as autoridades xudiciais" quen "digan o que pode facer" o Goberno autonómico.

BNG

Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, indicou que os galegos "non están a pensar nas eleccións, senón en facer fronte" á situación sanitaria. E, en todo caso, mostrou as súas dúbidas sobre a "legalidade" de convocar eleccións neste momento, tendo en conta que o acordo di, literalmente, que "a convocatoria ser fará unha vez que se levante o estado de alarma". "Esta condición non se cumpre", sinalou Pontón, mentres que Feijóo apoiouse este mércores en informes de expertos para decantarse por celebrar comicios canto antes.

"Non hai ningún experto que poida aseverar que non hai risco de rebrote nin ningún experto que poida aseverar que é lóxico concentrar a unha porcentaxe alta da poboación galega para ir votar en xullo", dixo. "A nós isto parécenos unha temeridade e unha irresponsabilidade e unha decisión de dubidosa legalidade", remarcou.

Así as cousas, a dirixente nacionalista viu "confirmadas" as súas predicións do pasado luns, cando dicía que "todo apunta a que Feijóo quere seguir o ronsel de Urkullu". "Veremos que pola mañá se celebra unha reunión dos partidos vascos e pola tarde Feijóo fará coincidir as eleccións co que decida Urkullu", augurou.

Pontón censurou que as forzas políticas decatáronse a través dunha rolda de prensa do presidente da Xunta que os ía a chamar para unha convocatoria este xoves. "Nunha democracia son importantes as formas e non son maneiras de convocar aos partidos políticos, a través dos medios de comunicación e unha rolda de prensa na TVG, que se converteu nunha especie de Tele-Feijóo", reprochou.

EN MAREA

Pola súa banda, En Marea considera que deben convocarse as eleccións autonómicas que quedaron en suspenso en abril, pero a condición de que se celebren "con seguridade" e con "garantías democráticas".

Nun comunicado, a formación que integra exclusivamente o grupo mixto da Cámara galega emprazou a coñecer en detalle os informes sanitarios e xurídicos sobre os que se sustenta a opinión de Feijóo de que retomar o proceso para o principio do verán polo risco de que a situación epidemiolóxica empeore co paso das semanas.

Aínda que incide en que "o risco da pandemia continúa vixente", En Marea cre que "non se pode permanecer 'sine die' cunha democracia suspendida, un goberno en funcións e un parlamento disolto", polo que mostran a súa disposición a "valorar" a convocatoria das eleccións para o mes de xullo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Cesareo

Qué ridiculez. Está ahora mismo todo el mundo en la calle y estos hablan de que por ir a votar en julio ponemos en riesgo nuestra salud.

1 Gamela

Segundo Carmen Calvo para solicitar prórroga dun mes máis do estado de alarma, dí que máis adiante é posible que no Outono teñamos un rebrote pero que daquela xa non faría falta utilizar o mecanismo do estado de alarma (?) Digo eu se esa muller ten unha bola de cristal ou é que necesitan un mes máis para extorsionar e lograr un pacto de reconstrucción que lexitime a Nova Normalidade (?) Pero en calquera caso a oposición debera propoñer unha DATA alternativa para celebrar as Eleccións en Galicia !!!