Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2020 | Actualizada ás 11:59
Galicia rexistrou a constitución de 296 empresas en marzo, o que supón un descenso do 22,3% en comparación co mesmo mes de 2019, segundo os datos que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística.
Este retroceso é o maior que rexistra Galicia en case tres anos (en xullo de 2017 foi do -26%). Con todo, é menor que a diminución media do 28,3% do país. No caso de España é o maior esborralle en 11 anos. Así, o descenso de Galicia é o terceiro menor entre comunidades, só con Madrid (-17,6%) e Cantabria (-19%) cunha contracción menos acusada. No outro extremo está A Rioxa (-51%).
Entre as 296 sociedades constituídas en Galicia, 295 foron SL e só unha SA. O capital total desembolsado foi de 36 millóns de euros. No tocante a disolucións, houbo 89 en Galicia, un 12,7% menos. Tamén é menor á caída media (-21,1%). Aquí, 66 fixérono de forma voluntaria, catro por fusión e 19 por outra modalidade.
Ademais, 108 empresas ampliaron capital en marzo en Galicia por 74,6 millóns de euros, 103 son SL e cinco son SA. En cambio, 15 sociedades reduciron capital, mentres ningunha en marzo fixo desembolso de dividendos pasivos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.