Depresión e intentos de suicidio de nenos por ciberacoso en Galicia que aumentou na corentena

O confinamento dos menores non freou o ciberacoso. Humillacións, ameazas, insultos e prácticas máis graves como o sexting, non deixaron de practicarse durante a corentena. Á parte da formación para pais e nais, imprescindible segundo os expertos, a implicación dalgunhas autoridades non parece a máis acaída segundo as mesmas voces.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 14/05/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O acoso por internet non é doado de recoñecer. Vai pasar un tempo ata que os pais ou os educadores coñezan o que sucede co mozo ou moza. As actitudes da persoa acosada pasan por estados de ánimo cambiante, sobre todo moi agresivos, non existe comunicación fluída co entorno familiar, temor a ir á escola ou instituto e un rendemento escolar moi  baixo. Á parte, o uso excesivo de internet durante moito tempo e a horas en que os menores deberan estar durmindo. Existen suficientes vías para a prevención? Están implicadas todas as autoridades na protección dos máis novos fronte á chantaxe na rede?

Axentes da Guardia Civil rastrexan as redes socias na Internet.
Axentes da Guardia Civil rastrexan as redes socias na Internet.

ACOSO, ACOSADOR, ACOSADO E ESPECTADORES

Antonio Rial, psicólogo que leva varios anos traballando o tema do ciberacoso destaca algo moi importante “non existe a día de hoxe unha definición clara de ciberacoso nin hai criterios claros para alertar sobre unha situación de ciberacoso”. Isto aparece reflectido no libro Cyberbullying among young people (Ciberbullying entre xente nova) que editou a UE en 2016. Non obstante, o ciberacoso xa está recoñecido como delito en varios países.

A preguntas realizadas ao Ministerio del Interior, existen tres perfís que interveñen no acoso: acosador, acosado e espectadores. As fontes de Interior destacan o perfil do espectador como “de vital importancia durante unha situación de acoso”. Os motivos son que os espectadores “aplauden e fanse cómplices do acto de acoso”. Así mesmo axudan ao acosador a “empoderarse e facer calar á súa contorna para reafirmar a súa figura”. O efecto espectador moitas veces prodúcese por “unha dilución da responsabilidade dos presentes, non por intención de facer dano”.

O comportamento dos “espectadores” co seu consentimento cara a agresión daría pé a unha “vanalización do insulto, a unha despreocupación sobre que lle está pasando á persoa acosada” di Antonio Rial. A rede permite unha persistencia no tempo de actitudes acosadoras, de agresións, e isto tradúcese nun consentimento e aceptación do insulto. “Cando se toma consciencia do que sucede xa hai unha bola de neve moi grande” di Rial.

CIBERACOSO, PREVENCIÓN E RECUPERACIÓN

Noa Tilve é psicóloga do programa Quérote+ da Consellería de Política Social, e sobre o ciberacoso destaca que as familias cando son conscientes de que un fillo ou filla é vítima deste tipo de agresión “a primeira reacción é a de parálise mentres se preguntan como é  posible que lle estea a pasar isto ao seu fillo ou filla”. Mais son moitas as familias que non saber como actuar. “Primeiro debemos recuperar a persoa danada, porque ese sufrimento foi mantido no tempo”.

As denuncias que se presentan á Policía ou Garda Civil son enviadas a grupos de investigación e atención especializada. Estas acción quedan reflectidas nun Libro de Rexistro que estará a disposición do Ministerio Fiscal. O trato con menores de idade supón ademais que se deba dar un tratamento especial para preservar máis aínda a súa intimidade. Por outra parte, tamén existe a posibilidade de que sexa o centro educativo onde curese estudos o menor, quen inicie o proceso para presentar unha denuncia.

Logo de presentar a denuncia, o Fiscal de Menores terá coñecemento desta denuncia e será quen leve adiante a investigación. En caso que fose o menor quen denunciase os feitos, os pais ou titores serán informados destas investigacións e denuncia.

CIFRAS E DATOS EN GALICIA

A Organización Mundial da Saúde (OMS) e UNICEF, emitiron informes sobre o ciberacoso (cyberbullying) onde as principais conclusións foron, primeiro un aumento da incidencia deste tipo de agresión e segundo, que en paralelo a este aumento tamén se incrementaron  as cifras de depresión e intentos de suicidio entre a xente menor de dezaoito anos.

Preguntada a Consellería de Educación sobre se existen cifras que aclaren a incidencia do ciberacoso entre os escolares, o departamento de Carmen Pomar, remitiu a unha nota de prensa que indica segundo un estudo realizado entre a comunidade escolar que as Familias, profesorado e alumnado “cualifican de bo o clima de convivencia escolar en Galicia, e consideran que mellorou nos últimos anos”. Ningunha referencia ao ciberacoso, só cifras que indicarían un comportamento “ideal” dentro das aulas.

“O programa Conéctate impartido polos centros Quérote + tentan axudar a unha mellor educación para o uso da Internet” di Noa Tilve. “Podemos axudar a formar o profesorado, establecer mecanismos de control e de derivación, pois nós non pertencemos a Educación”. A derivación implicaría algúns dos pasos indicados, entre eles poñer en coñecemento dos centros e das familias o que acontece co menor.

Non obstante, as cifras por ciberacoso non se coñecen. “Existen unhas estimacións por parte das autoridades galegas que andan entre o 10 e o 15%, estamos falando da metade do índice de acoso escolar” di Antonio Rial. Estes datos para os expertos non son verosímiles, pois só son estimacións.

“Hai un aumento de victimización dos menores en internet, e isto é un problema moi serio” di Antonio Rial. A seriedade do problema levou á creación de programas por parte da UE para realizar un estudo europeo sobre ciberacoso e acoso escolar. “O ciberacoso non é unha variante do acoso mediante o uso de plataformas dixitais” di Rial.

E en Galicia? “Antes de suspender as eleccións para abril, Feijóo anunciara un plan de choque contra o acoso escolar, logo a conselleira Pomar di que non hai problemas nese terreo” apunta Rial, quen pide máis concreción á Xunta. “Realmente non interesa falar sobre estes problemas, quizais por cuestións que se nos escapan ou non”.

De momento as cifras do ciberacoso en Galicia non se coñecen, non hai unha resposta en firme por parte dos departamentos autonómicos implicados e con competencias. Mentres que organismos internacionais avisan dun grave perigo, as administracións máis próximas aínda non tomaron cartas no asunto polo que se deduce das declaracións de expertos e dos anuncios da propia Xunta de Galicia.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta