Municipios costeiros piden "sentido común" agora que se pode acudir á segunda residencia

Aseguran que é necesaria a concienciación para poder seguir avanzando cara a novas fases.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2020 | Actualizada ás 19:10

Comparte esta noticia

Alcaldes de municipios costeiros da comarca de Ferrol pediron "prudencia" e apelan "ao sentido común" tanto da súa veciñanza como das persoas visitantes de cara ao fin de semana e tras a entrada en vigor o pasado luns da fase 1 de desconfinamento en Galicia ao considerar necesaria a concienciación para "seguir avanzado".

O alcalde de Ares, Julio Iglesias (PSOE), lembra que é necesaria a colaboración cidadá xa que "agora xa se permite acudir a unha segunda residencia e mesmo ás terrazas de hostalaría", polo que apela "á responsabilidade de todos para poder superar esta situación".

Así, instou a que toda a cidadanía manteña as medidas de seguridade, como o distanciamento social, xa que, na súa opinión, "tal e como está exposta a actual normativa é moi complicado impedir o movemento das persoas". Neste sentido, lembrou que é necesario que "non se paren en grupos, que transiten coas distancias necesarias e pedir responsabilidade".

"Temos todos os reforzos xa contratados", manifestou o rexedor en alusión aos axentes da Policía Local que tiñan previsto traballar durante o verán e que, segundo indicou, "velarán porque se manteñan as medidas de seguridade".

REFORZAR CONTROIS

Desde Valdoviño, o seu rexedor, Alberto González (PSOE), pide aos cidadáns "moita concienciación para que a xente teña responsabilidade para cumprir as normas" e lembrou que desde a Delegación do Goberno se ordenou á Garda Civil e á Policía Local reforzar os controis".

O alcalde destacou que os cidadáns "teñen que ser conscientes de que hai algunhas cousas que non poden facer " e que non entende "unha certa teimosía de acudir ás zonas ás que se sabe que non podemos acudir", polo que apelou "á responsabilidade se non queren verse sancionados".

Foto da praia da Frouxeira, en Valdoviño, o 12 de xuño de 2019. EUROPA PRESS - MARÍA PAN - Arquivo
Foto da praia da Frouxeira, en Valdoviño, o 12 de xuño de 2019. EUROPA PRESS - MARÍA PAN - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta