Os actores, "decepcionados" por un plan de reactivación cultural moi ligado ao Xacobeo

A Xunta informou este xoves de que porá en marcha un foro de charlas de expertos en liña sobre os desafíos da cultura na sociedade post COVID-19.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2020 | Actualizada ás 20:28

Comparte esta noticia

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) critica o "insatisfactorio" plan da Xunta para a reactivación do sector cultural ante a crise do coronavirus.

Nun comunicado, censura que a folla de ruta trazada pola Consellería de Cultura e Turismo "carece de concreción, presenta programas baleiros de contidos, disfraza convocatorias habituais de medidas novas e obvia a vulnerabilidade e seguridade sanitaria de traballadores".

Esta asociación sindical, que agrupa gran parte dos profesionais de interpretación e dirección de escena, mostra a súa "decepción" ante cuestións como a falta de detalle sobre "prazos e contías". Ademais, avisa de que este plan pode resultar "irrealizable" ao ligarse "en gran medida" ao Xacobeo ante a "incerteza" existente pola pandemia.

Tamén chama a atención sobre que o plan "non contempla unha grave situación" como é que "se volva a producir un rebrote da enfermidade coa consecuente suspensión xeneralizada de funcións".

FOROS DA XUNTA EN LIÑA CON EXPERTOS

Pola súa banda, a Xunta informou este xoves de que porá en marcha un foro de charlas de expertos en liña sobre os desafíos da cultura na sociedade post COVID-19. A primeira sesión terá lugar este venres, 15 de maio, coa responsable de programas virtuais do Museo Reina Sofía, Olga Sevillano Pintado, e o comisario e experto en comunicación dixital, Manuel Gago.

ACORDO DE APOIO A LIBRARÍAS DE PROXIMIDADE

Noutra orde de cousas, a distribuidora Consorcio Editorial Galego e 29 editoras galegas que distribúe acordaron pór en marcha unha alianza estratéxica de apoio ás librarías de proximidade neste contexto de crise polo coronavirus, que inclúe medidas económicas como flexibilización de pagos e descontos.

En concreto, participan: Aira Editorial, A Central Folque, A Xente Corrente, Alvarellos, Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), Através Editora, Axóuxere Editora, Baía Edicións, Bunker Books, Catro Ventos Editora, Contos Estraños, Dous Acordes, Edicións Bolanda, Edicións Laiovento, Edicións Matriarcas, Editorial Bululú, Editorial Discursiva, Editorial Doutor Alveiros (Fundación Vicente Risco), Espiral Maior, Hércules de Edicións, Murguía Revista Galega de Historia, Museo do Pobo Galego, OQO Editora, PrimeraPersona Editorial, Punto e Coma, Senén Vaamonde, Sira e ou robot, Toxosoutos e Urco Editora, todas distribuídas polo Consorcio Editorial Galego.

Gala dos Premios de Teatro María Casares. LADIAPO
Gala dos Premios de Teatro María Casares. LADIAPO | Fonte: ASOCIACIÓN DE ACTORES E ACTRICES - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta