A formula da cita previa chega tamén aos órganos xudiciais

O TSXG estima que "cada mes de paralización supón entre 12.000 e 15.000 asuntos máis de pendencia".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2020 | Actualizada ás 17:13

Comparte esta noticia

A Comisión de Seguimento da crise sanitaria COVID-19 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), presidida por José María Gómez e Díaz-Castroverde, presidente do alto tribunal galego, concretou na reunión deste venres a fórmula que se porá en marcha para que a cidadanía poida pedir cita previa para ser atendida nos órganos xudiciais da comunidade, de tal maneira que se eviten desprazamentos innecesarios ás sedes.

Segundo o acordado polos membros da Comisión, informou o TSXG nun comunicado, crearase un grupo de traballo formado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Tribunal Superior para "concretar as funcións e necesidades deste novo sistema, que se centrará nos servizos cunha maior atención ao público, como os rexistros civís".

Tal como se recolle no artigo 23 do Real Decreto-lei 16/2020, de 28 de abril, de medidas procesuais e organizativas para facer fronte á COVID-19 no ámbito da Administración de Xustiza, durante o estado de alarma e ata tres meses despois da súa finalización, a atención ao público en calquera sede xudicial ou da Fiscalía "realizarase de forma preferente por vía telefónica ou a través do correo electrónico", destaca o TSXG, que avisa de que no caso de que "se estime que a presenza na sede xudicial é indispensable, será necesaria a obtención da cita previa".

PRAZOS PROCESUAIS

A Comisión de Seguimento tamén acordou este venres "insistir na necesidade de que se alcen os prazos procesuais canto antes", subliñan as mesmas fontes, para "poder axilizar a actividade xudicial e garantir o dereito da cidadanía a recibir unha resposta adecuada" dos xulgados e tribunais galegos.

O TSXG estima, en base ás estatísticas de anos anteriores, que "cada mes de paralización pode supor entre 12.000 e 15.000 asuntos máis de pendencia ao mes" nos órganos xudiciais da comunidade.

Os membros da Comisión reiteraron na reunión deste venres que solicitan que se reinicien os prazos para poder retomar a tramitación de asuntos e evitar así un prexuízo "que non deixa de crecer".

Tamén puxeron de manifesto a "necesidade de clarificar as datas" nas que se poderán celebrar xuízos e tomar declaracións en asuntos non esenciais, "algo imprescindible para poder programar as axendas dos órganos xudiciais e poder comunicar estas datas aos profesionais (avogados, procuradores e graduados sociais) e aos usuarios/as afectados/as, últimos destinatarios/as do servizo público da Xustiza", concretaron as mesmas fontes.

Ademais, entende a Comisión de Seguimento da crise sanitaria COVID-19 do TSXG que "non ten sentido que se aumente o número de funcionarios/as se o traballo que se pode desenvolver é mínimo".

LIMPEZA E PROTECCIÓN

Por outra banda, tanto os maxistrados que forman parte da Comisión como os representantes dos colexios profesionais, solicitaron un reforzo da limpeza nos órganos xudiciais de Galicia nos que se vaia producir unha maior afluencia de profesionais e público.

En relación ao material de protección, a Comisión acordou que, de cara ao futuro, será cada órgano xudicial quen realice á Xunta a petición de máscaras, luvas e xeles hidroalcohólicos, "para que o Goberno galego poida levar un control en función das necesidades de cada un deles".

Xulgados De Santiago, En Fontiñas. EUROPA PRESS - Arquivo
Xulgados De Santiago, En Fontiñas. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta