Uns 1.800 empregados públicos incorpóranse o luns de forma presencial aos seus postos de traballo

Estarán a traballar de forma presencial 7.411 traballadores públicos, o 51,89 por cento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2020 | Actualizada ás 19:38

Comparte esta noticia

A primeira semana de traballos preliminares na Administración galega finalizou tras identificar os postos de traballo e concretarse as primeiras medidas para garantir a seguridade dos empregados, de maneira que máis de 1.800 incorporaranse de forma presencial a partir do luns 18 e entra en vigor a fase 1.

Unha das entradas do complexo administrativo de San Caetano, en Santiago, sen tránsito pola crise do coronavirus
Unha das entradas do complexo administrativo de San Caetano, en Santiago, sen tránsito pola crise do coronavirus | Fonte: Europa Press

O protocolo de reincorporación dos empregados públicos, que non inclúe o persoal docente e non docente dos centros de ensino e tampouco ao sociosanitario nin ao da Administración de Xustiza, especifica que o teletraballo seguirá estendido durante todas as fases como forma preferente.

Con todo, había un grupo de empregados que, ou ben polo tipo de traballo específico ou ben porque non contaba con medios adecuados, permanecía nas súas casas sen teletraballo asignado. Dese grupo de empregados públicos sae o groso dos 1.800 traballadores que este luns volven ao traballo presencial. Ademais, hai que ter en conta que se acaban de incorporar os traballadores do servizo de prevención de incendios que traballan como fixos descontinuos.

Así as cousas, e seguindo os datos facilitados por Vicepresidencia da Xunta, a partir do luns 18 estarán a traballar de forma presencial 7.411 traballadores públicos, o 51,89 por cento da administración (excluídos os que o fan en centros de educación e servizos sociosanitarios e Xustiza). Ata agora, facíao o 38,96 por cento dos empregados públicos.

Como se acordou, nesta primeira fase incorporaranse ao traballo presencial os xefes de servizo ou postos equivalentes e aquel persoal que polas súas funcións non pode teletraballar, sempre que o seu posto fose adaptado e cumpra as garantías sanitarias de seguridade, singularmente, a separación de dous metros.

Desta forma, seguirán con teletraballo 6.164 empregados públicos —dun total de 14.282—, mentres que un total de 707 seguirán sen traballar —ou ben porque non teñen medios ou ben porque os seus postos non son compatibles co teletraballo—, segundo as cifras achegadas por Vicepresidencia.

Ata o momento, estaban a traballar de forma presencial 5.564 persoas das 14.282, ás que se suman outras 1.847 este luns día 18. En todo caso, fontes sindicais explicaron que en centros determinados nos que serán reincoporados, por exemplo, todos as ordenanzas, estes traballadores farano a quendas e aínda que figuran no seu total no seu posto de traballo, irán só determinados días.

FASES DE DÚAS SEMANAS

A previsión é que cada dúas semanas se pase de fase, polo que a segunda entraría en vigor o próximo 1 de xuño, se se cumpren coas garantías sanitarias. Neste caso, volvería o persoal que, sen estar incluído na fase primeira, conte con espazo propio, e incorporaranse os traballadores das oficinas nas que se cumpren os dous metros de separación.

A terceira fase, que entraría en vigor o 15 de xuño, sumaríase o resto do persoal, tras acometerse os axustes necesarios nos seus postos de traballo, para que se garanta a distancia mínima de seguridade e todas as garantías sanitarias.

O protocolo estipula que se adoptarán medidas de especial protección para aquel persoal que presente algún tipo de enfermidade e unha das actuacións que deberán facer a diario os traballadores é tomarse a temperatura, xa que non poderán acudir ao seu posto de traballo se presentan máis de 37,5 graos.

Haberá excepcións tamén para facilitar a concliación, de maneira que se poderá seguir prestando teletraballo por parte daquelas persoas que teñan menores ou maiores dependentes a cargo e véxase afectado, por exemplo, polo peche de centros educativos ou de maiores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta